As embarcacións tradicionais arriban a Ferrol

As embarcacións tradicionais arriban a Ferrol

03 de Setembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

As embarcacións tradicionais comezaron xa esta mañá a arribar ao porto de Ferrol. Ao longo de todo o dia, botes polbeiros, trincados, etcétera chegarán a Curuxeiras. O Club do Mar organiza esta XIX Xuntanza  que se inaugura oficialmente mañá sábado ás 11 da mañá.

O Club do Mar de Ferrol propón unha fin de semana de navegación e descuberta do patrimonio mariñeiro na XIX Xuntanza de Embarcacións Tradicionais, que se celebra na dársena de Curuxeiras entre o venres e o domingo.

Esta edición contará con barcos chegados de distintos puntos da Península e destacará ademais polo grande esforzo de divulgación en terra, a través de exposicións, stands e exhibicións como a que farán as redeiras de Malpica na tarde do sábado. Ademais, a través do proxecto europeo Dorna (Desenvolvemento Organizado e Sostible de Recursos no Noroeste Atlántico) verase unha mostra de embarcacións galegas, na que se poderán apreciar unha vintena de tipoloxías distintas.

A Parrocheira 2010 comezará o venres coa recepción dos barcos. O groso das actividades está previsto para o sábado, coa inauguración oficial por parte das autoridades e unha saída ó mar dos participantes. Despois farase unha visita pola exposición e polos distintos stands ubicados en Curuxeiras. Terán o seu espazo no peirao o Proxecto Dorna (que inclúe entidades de Francia, Escocia e Portugal), a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, o centro de formación Aixola –especializado no sector marítimo-pesqueiro– e tamén a Asociación Galega de Carpinteiros de Ribeira.

Para os pequenos instalarase unha piscina de 6x6 metros con dornas que funcionan a través de control remoto. Alí os rapaces poderán facer as súas propias regatas sen mollar os pés.

A taberna mariñeira surtirá de comida e bebida ós participantes pero tamén a tódolos que se acheguen a Curuxeiras a contemplar as ducias de velas que surcarán a ría.

Sociedade