Emigración e muller en Xohana Torres

Emigración e muller en Xohana Torres
29 de Maio, 2020 - 12:12 h. | Publicada por Radio Fene

A obra de Ana Garrido "Da viúva do vivo á muller navegante" gañou o premio Xohana Torres na modalidade de ensaio que será publicado en breve.

ESCOITA O PODCAST:

“Da viúva do vivo á muller navegante” Con este traballo gañou Ana Garrido o premio Xohana Torres na modalidade de ensaio deste ano. Os premios entregáronse o 10 de marzo pero unha confusión na data e a alarma sanitaria fixo que non transcendesen como deberan.

Ana Garrido defende a continuidade e o protagonismo das mulleres na obra de Xohana Torres, mulleres que sofren a ausencia, que agardan e que van evoluíndo ata a muller emigrante na Europa, unha muller exiliada, máis politizada. “Torres sentíase incómoda coa imaxe tradicional da muller que agarda” afirma Garrido, quen defende que a escritora toma conciencia e desa imaxe prototípica de matriarca sacrificada ven a muller que xa non agarda e nos anos 80 emigra a Europa. A Penélope que non agarda e que a une máis que nunca a Rosalía de Castro. “As dúas crían que a emigración era o gran tema en Galicia desde o punto de vista da muller” afirma Garrido, e engade “A emigración a Europa foi para as mulleres unha fonte de emancipación”.

A escritora pensa que na nosa literatura hai moi poucas obras, aínda que boas, sobre a emigración a Europa. Describe a Xohana Torres como unha muller moi activa que escribiu de todo, sempre en galego, moito teatro e tamén se dedicou á radio. En Ferrol facía no ano 1956 un programa de radio titulado “Teresa” destinado ás mulleres. Máis tarde en Vigo dirixe o programa radiofónico “Raíz e tempo”. Ana Garrido quere mostrarnos en “Da viúva do vivo á muller navegante” a obra da Xohana Torres anterior aos anos 80 “porque despois xa se ten escrito moito” afirma. Garrido tira estas conclusións, “Torres era unha muller coas ideas moi claras e moi comprometida. Pode facerse unha lectura completa da súa obra en busca dunha muller emancipada. Sen o anterior non se entendería” e precisa, “ A nai, en Adiós María, é probablemente a primeira ou unha das primeiras mulleres emigrantes que aparecen na nosa literatura”.

Xohana Torres naceu en Santiago de Compostela en 1929 pero pasou boa parte da xuventude en Ferrol. Foi alumna de Ricardo Carvalho Calero. En 2001, entrou a formar parte da Real Academia Galega da man de Méndez Ferrín e de Garcia-Bodaño. Faleceu en Vigo en 2017. Obras como a de Ana Garrido provócannos afondar na obra da autora de "Adios Maria".

Cultura

Publica o teu comentario agora