Emoción na apertura do CMI

Emoción na apertura do CMI
26 de Maio, 2020 - 10:09 h. | Publicada por Radio Fene

O CMI Unidade de Fene abríu onte as súas portas cunha terraza do ambigú máis ampla. A piscina podería abrir a mediados de xuño.

ESCOITA O PODCAST:

Tomou onte o primeiro café na terraza do CMI Unidade de Fene a presidenta da entidade Paula Romero. Emocionada, contounos esta mañá a alegría que sentiron no momento de abrir as portas do local de San Paio, máis de dous meses despois de ter que pechalas a causa da alarma sanitaria. Membros da directiva afanáronse onte na preparación das instalación para que os socios e socias volvan con todas as garantías. A cafetería da entidade será de momento o principal reclamo para eles, que verán como se ampliou o espazo da terraza, adaptada á normativa sanitaria de distancia social e de limpeza. Paula Romero agradeceu ao Concello e a Protección Civil a axuda prestada na desinfección do local.

A piscina

O que todos os socios e socias do CMI están agardando é a apertura da piscina, o maior atractivo da sociedade cando chega o bo tempo. Quizás se retrase este ano a causa da situación extraordinaria que vivimos. Normalmente a piscina do CMI abre a primeira semana de xuño. A presidenta agarda poder facelo arredor do 15 de xuño. No CMI víronse obrigados a adiar o acto de presentación do poemario gañador do Premio Pérez Parallé de poesía de 2019, que recaera na obra "Deriva" de Regina Touceda, previsto na semana das Letras Galegas. Romero agarda poder facelo entre xuño e xullo, así como publicar a convocatoria do certame deste ano 2020. De momento non pensan na celebración doutras actividades como as festas gastronómicas ata que a situación o permita. "A nosa primeira preocupación de momento, repite, é a apertura da piscina".

Entre as novidades que atoparemos ao entrar no CMI Unidade de Fene é un circuito de entrada e outro de saída para acceder ou abandonar as instalacións cuxo horario de apertura é o habitual, polas mañás de 10.30 a 14.30 horas e polas tardes, de 17 a 20.30 horas. Paula Romero pasou o confinamento teletraballando e disfrutando dos paseos desde que poidemos sair da casa. Onte tomouse o primeiro café na terraza no Círculo de Fene.

Cultura

Publica o teu comentario agora