Emoción na apertura do comercio local

Emoción na apertura do comercio local
04 de Maio, 2020 - 11:03 h. | Publicada por

Emoción e esperanza, na apertura do pequeno comercio que ve unha oportunidade en abrir as súas portas días antes de que o fagan os grandes centros comerciais.

ESCOITA O PODCAST:

“Uf. Con gañas de chorar” Así recibiu Sandra Montero a nova de que podía reabrir o seu comercio esta semana con cita previa e desde o luns 11 de maio coa normalidade que permite a situación actual. A mercería creativa e lencería “Costuras” da rúa da Fraga de Fene non perdeu o tempo durante o peche obrigado de case dous meses nos que Sandra realizou máscaras coas teas de algodón que vende na tenda e ás que agora lles engadirá o material de TNT sanitario para facerlles o filtro. Compartiu nas redes o patrón cuns titoriais para ensinarnos a facelas. Parte delas foron doadas e outras destináronse ao uso da familia pero está convencida de que van formar parte do noso vestiario durante un tempo así que aí están, re-utilizables e lavables a 60º de temperatura.

Como a súa tenda dispón de dúas portas, a primeira medida adoptada é que a clientela de Costuras entre por unha e saia pola outra. As luvas e o xel son elementos esenciais porque os materiais da mercería son de tocar. O aforo máximo marcado é de tres persoas á vez. Esta semana o acceso aos comercios é con cita previa. A Sandra vénlle ben para surtir ás súas alumnas dos cursos de confección, calceta e gancho que imparte no seu local, de materiais que precisan con urxencia para acabar os seus labores na casa. Os cursos, explica Sandra, non volverán ata setembro ou outubro, se todo marcha ben.

En relación coa lencería e a liña de baño, afirma que tivo sorte porque cando se decretou a alarma sanitaria aínda non fixera o pedido de baño que agora puido reducir en cantidade porque o día da nai xa foi así como a Semana Santa. Di que non poderemos viaxar moito este verán e as expectativas de ir á praia están no ar, así que a venda de bañadores vaise ver limitada.

“Levamos máis de corenta días pechados e a xente ten que cubrir as súas necesidades básicas. Vainos favorecer aos pequenos comercios locais que de momento non abran os grandes centros comerciais”, responde á nosa pregunta.

Sociedade

Publica o teu comentario agora