En forma no verán

Os clásicos do verán fenés repiten porque teñen demanda
17 de Xuño, 2019 - 12:39 h. | Publicada por Radio Fene

Tenis e kaiak, ximnasia ao aire libre e campamento lúdico deportivo son as ofertas deportivas de verán no concello de Fene. Mañá abre o tempod e inscripción na maioría das actividades.

O Concello ten preparada unha ampla programación en materia deportiva de cara o verán, especialmente centrada en nenos e nenas e mozos e mozas. Incluirá cursos de tenis e de kaiak, un campamento lúdico deportivo e máis ximnasia ao aire libre no paseo de San Valentín. A inscrición nas actividades, agás ximnasia, con participación libre e gratuíta- abrirase mañá martes, 18 de xuño, no departamento municipal de Cultura e Deportes. Así, o Concello oferta 48 prazas nos cursos de tenis -16 por quenda-. Están dirixidos a nenos e nenas maiores de 4 anos e celebraranse entre o 10 de xullo e o 23 de agosto, nas pistas do CCRD Perlío –no caso de choiva, as clases trasladaranse ao pavillón do Colexio Jorge Juan-. Os horarios son os seguintes: luns, mércores e venres de 10 a 11 h, para os maiores de 8 anos; de 11 a 12 horas, nenos/as de 4 a 8 anos e, de 12 a 13 horas, novamente maiores de 8 anos.

Na actividade de kaiak, o Concello ofrece 40 prazas –20 por quenda-. Os cursos están pensados para nenos e nenas maiores de 8 anos e que saiban nadar. Desenvolveranse na praia de Almieiras (Limodre) do 10 de xullo ao 22 de agosto, de 11,30 a 13,30 horas. A primeira quenda, os luns e mércores e, a segunda, os martes e xoves. O prazo de inscrición concluirá o 4 de xullo e a cuota a abonar por curso (tenis e kaiak) é de 23,25 euros –a partir do segundo membro da unidade familiar residentes en Fene, a cuantía queda establecida en 18,6 euros-.

Así mesmo, o Concello porá en marcha o Campamento Lúdico Deportivo para nenos e nenas de 4 a 12 anos. Será entre o 1 e o 14 de agosto, de luns a venres de 10,30 a 14 horas, no CMI Unidade de Fene. Oferta 30 prazas e incluirá xogos de pistas, gymkanas en exteriores, actividades acuáticas e xogos na piscina, obradoiros e actividades creativas e... noite de campamento o día 13. Neste caso, a inscrición manterase aberta ata o 26 de xullo e a cota a abonar é de 28,20 euros –a partir do segundo membro da unidade familiar residentes en Fene, 22,56 euros-.

Ximnasia ao aire libre Por último, o Concello avanza que durante todo o mes de agosto organizará clases de ximnasia de verán ao aire libre. Serán os luns, mércores e venres laborables de 9,30 a 10,30 horas no paseo marítimo de San Valentín –xunto ao pavillón da Xunqueira e, no caso de choiva, trasladaríanse ao seu interior- . Sesións para disfrutar da actividade física moderada ao aire libre, para todas as idades, e con participación libre e gratuíta.

Deportes

Publica o teu comentario agora