En plena avaliación

En plena avaliación
14 de Maio, 2020 - 10:57 h. | Publicada por Radio Fene

O IES de Fene, pendente das decisións que hoxe toman goberno central e autonómico de cara ao fin de curso. Está aberta no instituto fenés a reserva de matrícula para o próximo curso. De todo iso falamos co director, Daniel Bogo.

ESCOITA O PODCAST:

Tanto o goberno central como a Xunta deciden hoxe mesmo se o alumnado de secundaria, bacharelato e FP ten que volver ás aulas antes de rematar o curso. O director do IES Fene, Daniel Bogo, está pendente desta decisión para estar preparados porque son nada menos que de 400 alumnos e alumnas no centro de Barallobre, cos seus correspondentes 55 profesores. Estes últimos están inmersos no proceso de avaliación do alumnado correspondente aos dous primeiros trimestres. A esa nota sumarase outra que se corresponderá cos traballos e actividades realizadas telemáticamente nos meses de confinamento. Para iso o profesorado reúnese por videoconferencia. A segunda avaliación xa se fixo desta maneira, segundo nos informa o director do centro, Daniel Bogo. A selectividade farase presencialmente, enténdese que nos mesmos lugares de sempre, os días 7,8 e 9 de xullo. Nas probas daranse máis facilidades que en anteriores convocatorias para compensar a falta de clases preparatorias.

No caso de FP, afirma Daniel Bogo que é todo un pouco máis complicado ao tratarse dun ensino máis práctico. As clases telemáticas foron unha especie de reforzo e repaso das prácticas que fixeron en talleres antes da alarma sanitaria. Outro capítulo son as prácticas en empresas, moitas paradas e con ERTEs. Aínda así algúns alumnos estanas facendo máis reducidas, en lugar de 400 fan 220 horas co fin de rematar o 19 de xuño. Os que o desexen poden renunciar a facelas agora e adialas para o período de setembro a decembro. Mesmo cabe a posibilidade, dada a situación extraordinaria que vivimos, de substituír as prácticas en empresa por un proxecto a entregar ata o 19 de xuño.

A gran incógnita para o director do IES Fene é como será o próximo curso. De momento infórmanos que, en pleno período de reserva de matrícula ata o luns 18 de maio, “a día de hoxe a instrución que nos deron é de acoller ata 22 alumnos por aula”. É dicir, que con esa ratio non cambiaría nada no centro porque é máis ou menos a ratio que xa teñen.  De reducirse por razón sanitarias, habería que reformular as aulas, os horarios, o número de profesores, etc. Pero de momento a instrución é de 22 alumnos/aula.

Daniel Bogo agradeceu aos Servizos Sociais do concello de Fene as facilidades para facer chegar ao alumnado que non dispuña de equipos informáticos ou de conexión a internet, a distribución das fotocopias dos traballos a realizar en casa. Tamén á Consellería que lles facilitou algún equipos e algunhas conexións. “A situación colleunos faltos de práctica” conclúe o director do IES Fene, Daniel Bogo.

(Na imaxe, alumno e profesor do IES Fene con segundo premio acadado na Hiperbaric Challenge do ano pasado)

Cultura

Publica o teu comentario agora