Encerrado no convento de Santa Úrsula

Encerrado no convento de Santa Úrsula
11 de Decembro, 2020 - 10:29 h. | Publicada por Radio Fene

Ricardo Carvalho Calero foi condeado a doce anos e un día de prisión. Na sentenza pesou un informe que o delata como membro do PG e ter participado na elección do presidente da República, Manuel Azaña en 1936.

ESCOITA O PODCAST:

Vencido o exército republicano en Andalucía no no 1939, Ricardo Carvalho Calero é detido e sometido a consello de guerra na mesma cidade de Jaén onde exercía como tenente do exército. Os xuíces militares estaban sendo benévolos sempre que os detidos non tiveran delitos de sangue nen filiacións políticas. Para o profesor ferrolán a causa ía ben ata que pediron informes a Ferrol. Uns foron moi positivos para el pero un informe remitido por Torrente Ballester descubriu que Carvalho era membro do Partido Galeguista e outro detalle, que foi fundamental, que desvelaba que Carvalho Calero participara na elección do presidente da República, Manuel Azaña en maio de 1936. Esta revelación modificou a sentencia. O fiscal, que en principio ía declaralo inocente, pediu cadea perpetua.

Finalmente o tribunal condenouno a doce anos de prisión. Carvalho cumpriría condena na mesma cidade de Jaén, no convento de Santa Úrsula convertido en prisión. No cárcere, o profesor ferrolán mantén correspondencia diaria coa súa muller e as súas irmás. Algúns compañeiros escribíronlle a pesar do risco que iso significaba, entre eles mantivo correspondencia con Fernández del Riego. Como estaba prohibido escribir en galego, Carvalho tivo que agachar as orellas e volver a escribir en castelán. Asegura o seu biógrafo, Martinho Montero, que alí escribiu poesía nesta lingua e que hai que destacar “unha obra moi orixinal e interesante sobre distintas figuras da muller titulada 100 sonetos”.

En maio de 1944 outórganlle a Carvalho Calero a liberdade condicional. Terá a obriga de presentarse periodicamente na prisión de Ferrol polo tempo que lle queda de sentenza.

 

(Na imaxe, Martinho Montero en Radio Fene. Fotografía: Xan Xe Corral)

Cultura

Publica o teu comentario agora