A enerxía de Chotokoeu percorrerá España en abril

A enerxía de Chotokoeu percorrerá España en abril

28 de Marzo, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

O grupo, radicado en Uxes (Arteixo), acaba de gravar o seu segundo disco no sur de Francia, e disponse a emprender a súa primeira xira por España no mes de abril. Despois da presentación deste segundo traballo, iniciarán a que xa é a sexta xira por Europa.

Con máis de 300 concertos ás costas en cinco anos, Chotokoeu, un dos grupos galegos con máis proxección en Europa, inicia a primeira xira por España. Despois de gravaren o segundo disco en Francia, con colaboracións importantes, percorrerán Pau, Reus, Madrid, Salamanca, Ponferrada, Cádiz, Granada... E rematarán en Galicia para presentar este segundo disco xa en maio. E despois, a festa continúa no Iboga Summer Festival (no mes de xullo en Cullera), e co que xa será o sexto tour europeo para o grupo: Francia, Bélxica, Holanda, Alemania, Suíza, Inglaterra e República Checa, mentres exploran novos horizontes coma Rusia, Macedonia, ou Latinoamérica.

O potente directo de Chotokoeu fai deles un dos poucos grupos galegos con esta capacidade de arrasar en Europa: a súa festiva proposta abrangue estilos coma o Balkan, o Rock, o Swing e o Drum&Bass, e a vocalista (e violinista) entoa os temas en galego, castelán, italiano e inglés, á fronte dunha agrupación de sete persoas que leva sete anos nos escenarios, e foi evolucionando até a dedicación exclusiva á música. O seu espírito innovador e activo quedou demostrado na organización de eventos colaborativos como Noites de Luz, Caravana de Emerxencias ou Festival Vibra Balboa, en harmonía co seu estilo de vida: nun ámbito natural, para traballar na súa música, e dinamizar ao tempo zonas rurais case despoboadas de xente nova.

Sociedade