A enerxía do directo de Sondeseu no Teatro Jofre

A enerxía do directo de Sondeseu no Teatro Jofre

15 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Corenta músicos sobre o escenario interpretan pezas tradicionais galegas arranxadas para unha ampla variedade de instrumentos. Esta é a aposta de Sondeseu, que presenta un repertorio de folk galego e temas de autor seguindo as formas e ritmos propios da terra. Sondeseu representa a maior explosión de enerxía que se pode atopar en toda a península baixo a etiqueta de folk.

A banda viguesa mestura instrumentos pertencentes a nosa cultura como gaitas, requintas, zanfoñas con outros do ámbito do folk como arpas, contrabaixo ou violíns para producir un timbre único e característico. As súas melodías pertencen a unha tradición que se transmitiu durante séculos oralmente de xeración en xeración.

O Teatro Jofre de Ferrol acolle este venres ás oito e media a actuación de Sondeseu. Un espectáculo que solprenderá ao público pola coordenación dos 40 músicos e o caudal de enerxía que desprenden nos seus directos. O prezo da entrada ascende aos 10 euros.

Sociedade