Entran en funcionamento os contedores soterrados da Rúa Luís Seoane de Arzúa

Entran en funcionamento os contedores soterrados da Rúa Luís Seoane de Arzúa

13 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O Concello de Arzúa puxo en funcionamento esta mesma mañá os contedores soterrados situados na Rúa Luís Seoane, no casco urbano de Arzúa. O servizo inaugurado no día de hoxe estaba incluído no proxecto de mellora acometido polo Goberno Municipal nas rúas Luís Seoane e Castelao; de feito estas dúas vías foron completamente renovadas

Os contedores soterrados era o único servizo dos que se dotou a estas rúas que faltaba por poñer en funcionamento e do que poderán facer uso dende hoxe mesmo os veciños e veciñas residentes na zona. Tal e como explicaba esta mañá o Concelleiro de Medio Ambiente de Arzúa, Leonardo Bermúdez, “os contedores soterrados son un elemento imprescindible para a mellora da calidade de vida dos veciños e un servizo fundamental para contribuír ao coidado do medio ambiente”.

Na rúa Luís Seoane construíuse unha illa con dous novos contedores para orgánicos, un para vidro, outro para plásticos e un para cartón. Coa posta en funcionamento destes contedores soterrados, Arzúa conta xa con 6 illas deste tipo de contedores construídos polo goberno municipal no casco urbano de Arzúa nos últimos anos. De feito, son varias as rúas dotadas con este tipo de servizo; en concreto as rúas Neira Vilas, Juan Vidal, Padre Pardo e Baltasar Pardal.

O Goberno Municipal fixo público esta mañá o seu agradecemento á colaboración dos veciños no bo uso que están facendo deste servizo, ao clasificar e separar os residuos segundo a súa natureza e ao deixalos no depósito correspondente para así contribuír a unha recollida óptima dos residuos. Leonardo Bermúdez, Concelleiro de Medio Ambiente, informou ademais que tamén a Rúa do Castro, ao carón dos centros escolares, actualmente en obras, se dotará deste servizo convertendo así ao Concello de Arzúa nun dos municipios galegos con máis infraestrutura de contedores soterrados existe.

Sociedade