Entre a RISGA e o ingreso mínimo vital

Entre a RISGA e o ingreso mínimo vital
24 de Xuño, 2020 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Catorce cidadáns de Fene cobran a RISGA e oito están en proceso de tramitación, segundo informan os Servizos Sociais. En 2018 había en Fene 18 beneficiarios. En Ferrol residen 425 beneficiarios desta renda de inserción, en Narón arredor de 100. Na comarca, en San Sadurniño, Moeche, Mañón e Cabanas non hai beneficiarios desta prestación. Na actualidade cobran a RISGA en Galicia, 10.480 persoas. O importe medio é de 550 euros ao mes.

Exposición da Rede Galega contra a Pobreza. Parlamento Galego. 2018

A lei indica que a RISGA é incompatible con calquera outra percepción  e polo tanto tamén co novo Ingreso Mínimo Vital que se comezará a pagar a vindeira semana. A Rede Galega contra a Pobreza reclama que sexan compatibeis os dous ingresos ata o limiar da subsistencia digna. Por iso aconsella solicitar o novo Ingreso. Hai de prazo ata o 15 de setembro e en caso de concederse ten efecto retroactivo.
O Ingreso Mínimo Vital (IMV) é unha nova prestación non contributiva da Seguridade Social. Comezarase a pagar a vindeira semana ás persoas que recibían prestación por ter un fillo ao seu cargo. A Seguridade Social xa comprobou de oficio a súa situación e abonará o Ingreso antes de finais de xuño.
O Ingreso vai dirixido a previr o risco de pobreza e exclusión social das persoas cando se atopen nunha situación de vulnerabilidade por carecer de recursos económicos suficientes para a cobertura das súas necesidades básicas.En Asturias teñen unha renda minima bastante ben deseñada, na que gastan 125 millóns e chegan a 25.000 fogares. Pero Galicia, que ten 2.700.000 habitantes fronte ao millón de Asturias, gástase a metade e chega case á metade de fogares, afirma o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións José Luís Escrivá. A Xunta de Galicia destinou á RISGA neste ano 2020, 64, 4 millóns de euros.
Segundo Xosé Cuns, da Rede Galega contra a Pobreza, a RISGA implica requisitos moi esixentes e por ese motivo non protexe realmente a moitas persoas vulnerabeis. Os ingresos requeridos, o empadronamento, a burocracia ou a lonxanía dos servizos sociais comunitarios dificulta a súa extensión e a cobertura de toda a poboación que realmenta está en situación de pobreza.

Demandas diante das eleccións

A Rede Galega contra a pobreza demanda dos partidos políticos que concurren ás eleccións galegas a asunción de tres compromisos:
Blindar o orzamento da RISGA, asegurando a súa compatibilidade e subsidiariedade co recentemente aprobado Ingreso Mínimo Vital, especialmente en tres aspectos: complementando ingresos, aumentando cobertura e asegurando o dereito á inclusión sociolaboral;
Garantir o dereito a unha vivenda digna, axeitada e accesible, priorizando a rehabilitación e o alugueiro social, erradicación do chabolismo e a infravivenda e loita contra a exclusión residencial severa.
Reducir drasticamente en Galicia a pobreza e a exclusión infantil e xuvenil é posible, apoiando especialmente ás familias e aproveitando a oportunidade do Ingreso Mínimo Vital.

Sociedade

Publica o teu comentario agora