Erase unha vez no antigo Exipto

Erase unha vez no antigo Exipto
16 de Abril, 2020 - 10:53 h. | Publicada por Radio Fene

"Os dous irmáns" recolle cinco contos do antigo Exipto recuperados e verquidos ao galego polo escritor e investigador, Antonio Reigosa, convidado hoxe ao clube de lectura de Radio Fene Radiofusión.

ESCOITA O PODCAST:

“Son moitas as antoloxías, traducións e adaptacións que se fixeron dos contos e lendas populares do antigo Exipto en todas as linguas vivas do mundo. En todas agás o galego, que non contaba, que saibamos, con ningunha publicación sobre o tema”. Fai esta afirmación na introdución do seu libro “Os dous irmáns e outros contos populares do antigo Exipto” o seu autor, Antonio Reigosa. O libro, editado por Morgante, veu a luz no ano 2208. Hoxe rescatámolo no Club de lectura de Radio Fene, falando co autor, e cos lectores Esther Val, Andrés C.M. Riveira e Henrique Sanfiz.

No antigo Exipto a aprendizaxe da escritura considerábase sagrada porque permitía inmortalizar a palabra e a palabra favorecía a supervivencia da memoria dos mortos entre os vivos, o que para os exipcios era algo transcendental. Os exipcios amaban os libros. Un dos tesouros máis prezados dun exipcio culto eran os seus libros.

Quen somos?

Os cinco contos recollidos neste volume “Os dous irmáns” foron considerados como medicinas para a alma e para o espírito, afirma Antonio Reigosa na súa presentación. No transcurso da conversa explica que a literatura non deixa de ser o lugar onde se expresan as preocupación humanas máis básicas; quen somos, de onde vimos e que hai máis alá da morte. No esencial, seguimos sendo os mesmos, individuos coas mesmas preguntas. A raíz das nosas preguntas é que Reigosa fala da vontade de supervivencia dos exipcios, desa utopía de seren eternos, da consciencia da súa superioridade en tantas cousas. Falounos das similitudes entre os contos populares exipcios e os galegos, do animismo, da maxia e a fantasía que encerran, por outra parte o esquema base que indica que tratamos de entender a vida.

A viaxe

“Sen viaxe non hai case nada” asegura Antonio Reigosa cando explica que as lendas lévante sempre a transcender o superficial. Os castros, as covas, o pozo, aparecen nestes contos para levarnos ao máis alá. “A viaxe é o símbolo da curiosidade” sentencia o autor. Con el falamos da comunicación oral como algo consubstancial á condición humana e de como a literatura naceu con vontade de ser útil, de ter unha función. Na actualidade esa vontade pedagóxica e didáctica xa a cobren, ben ou mal, os medios de comunicación. Os cinco contos que recolle “ Os dous irmáns” adoitan ter unha ensinanza final para os lectores e lectoras. A literatura pode permitirse outras alegrías na actualidade, afirma Antonio Reigosa.

So nos resta convidarvos a achegarse á conversa co autor e á lectura deste libro delicioso que empeza así:

"Unha vez, isto pasou hai moitos centos de anos no antigo Exipto, eran dous irmáns que vivían na mesma casa. O maior chamábase Anup e estaba casado; o máis pequeno tiña por nome Bata e era un rapaz rexo coma cerna de carballo e moi traballador..."

Cultura

Publica o teu comentario agora