Escasa participación no arranque da xornada electoral en Ferrol

Escasa participación no arranque da xornada electoral en Ferrol

01 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

176.161 veciños e veciñas das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal están chamados ás urnas neste 1 de marzo. A choiva ou, cecais, a resaca das moitas festas de antroido que aínda onte se celebraron en distintas sociedades da bisbarra, déixanos como primeira estampa da xornada a duns colexios electorais con moi pouco movemento nas primeiras horas do día.

Comprobámolo esta mañá no colexio Ibáñez Martín de Ferrol, encadrado en pleno centro do Barrio de Recimil. Das 3.500 persoas censadas, e que deberían depositar o seu voto nesta escola, ao redor das once e media da mañá, somentes o fixeran 363 (isto é, o 10,37 por cento do total). De tódolos xeitos, a pesares da pouca participación rexistrada a esa hora, o sentir dos distintos compoñentes das mesas electorais neste local foi unánime ao cualificar a xornada de tranquila e sen incidencias.         

Dos concellos da bisbarra, o de Ferrol é o que rexistra un censo máis elevado. 62.638 veciños e veciña da cidade teñen dereito a voto nestas eleccións autonómicas, o que supón o 35,5 por cento do total das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Unha zona que hoxe non se libra da fronte que afecta Galicia e que fará sacar o paraugas e o chuvasqueiro a quenes vaian votar.
 

Institucional