Escenario aberto cara as eleccións xerais

Escenario aberto cara as eleccións xerais

11 de Novembro, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

Ciudadanos medra ao calor dos grandes medios, mentres PP e PSOE continuan baixando no seu apoio electoral. Tamén Podemos descende en apoio e credibilidade. As forzas nacionalistas manteñen ou incrementan representación, pero os últimos acontecementos de Catalunya ainda non se reflicten no estudio O Mirante, elaborado por Carlos Neira para a Asociación dos Medios en Galego.

O impulso mediático recibido por Ciudadanos sumado á situación recesiva do resto de grandes partidos provocou un crecemento na formación laranxa semellante ao que experimentara na primavera pasada. Desde as eleccións catalás Ciudadanos sobe 6 puntos, mentres que Podemos perde 3, e PP e PSOE 2 cada un. O partido de Albert Rivera acada e consolida así a terceira posición, e sitúase máis preto do PSOE que de Podemos. Politicamente este cambio substánciase na posibilidade dunha maioría absoluta baseada nun pacto PP+Ciudadanos, que atinxiría entre 177 e 179 escanos.

O equilibrio histórico entre voto a partidos de esquerda e de dereita rompe en favor destes últimos, o que acentúa a crise da oferta partidaria progresista. Malia á división do voto da dereita en dous partidos a porcentaxe de voto que suman PP e C’s supera á rexistrada polos populares en solitario en 2011. Todo o electorado do centro e da dereita está mobilizado neste intre, en tanto que no centro esquerda unha fracción cada vez maior de electores decántanse pola abstención. Moitos votantes progresistas retornan ás formacións ás que lles daban o voto antes da aparición de Podemos. Iso explica a modesta pero continua recuperación de IU desde o verán, ou a tendencia á alza nalgunhas das forzas non estatais e nacionalistas.

Descartada a concorrencia das CUP nas eleccións xerais, as dúas forzas catalás xuntas no Junts pel Si mostran signos de estabilidade. En Euskadi PNV e EH Bildu mostran estabilidade pero con tendencia á alza, xusto na mesma semana en que coñecemos as dimisións da dirección de Podemos no País Vasco. Compromís parece resentirse do debate interno entre Bloc e Iniciativa que marcou a súa axenda este último mes, e perde fol. O BNG apunta cara abaixo nas últimas semanas, e o segundo escano que as enquisas lles prometía volve estar en entredito.

Sociedade