Esta pode ser unha gran fin de semana

Esta pode ser unha gran fin de semana
08 de Abril, 2021 - 10:05 h. | Publicada por Radio Fene

Música clásica, teatro de humor e monicreques enchen de arte os escenarios ferroláns do Auditorio e o Teatro Xofre esta fin de semana.

O auditorio municipal de Ferrol acolle esta tarde un concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia, organizado pola Sociedade Artística Ferrolana. Comezará ás 20.00h dirixida por Víctor Pablo Pérez e Rafael Blechacz ao piano. Ofrecerán obras de Chopin. A fin de semana no Teatro Xofre de Ferrol ocúpase nesta ocasión co humor e monicreques.

O venres 9 ás 20.00h Teatro en vilo pon en escena “Hoxe pode ser a miña gran noite” unha peza cómica e musical que conta a fascinante historia dun cantante de orquestra na Galiza dos 90 e a súa filla que soña ser como o seu pai. Unha actriz e un músico en escena protagonizan unha emocionante viaxe ao pasado para comparar o que quixemos ser e o que somos. Un espectáculo dirixido a un público adulto e xuvenil.

Para pechar o cartel cultural de Ferrol, o domingo 10 de abril ás 12.30h o teatro Xofre recibe a Kukas e os seus monicreques. A peza “Arlequina” é un espectáculo que combina traballo actoral coa animación das marionetas con música en directo. No escenario sucédese a misteriosa aventura que vive unha peculiar marioneta de papel de periódico na busca da súa identidade, contando coa axuda dun estrafalario titiriteiro. Un espectáculo dirixido principalmente ao público infantil.

(Na imaxe, o espectáculo "Arlequina" de Kukas)

Cultura

Publica o teu comentario agora