Este domingo Penas de Rodas celebra a súa XXIX Romaxe

Este domingo Penas de Rodas celebra a súa XXIX Romaxe

31 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A XXIX edición da Romaxe “Penas de Rodas” está xa lista para o vindeiro 2 de agosto. Cunha programación completa na que se inclúe, música, xogos, motor e, por suposto, un bo xantar, a parroquia de Gaioso, en Outeiro de Rei, acollerá a todos os visitantes que queiran pasar unha boa tarde de domingo.

A xornada dará comezo contra as 11.30 horas, na que “os amigos do SEAT 600” farán unha concentración na área da Asociación Penas de Rodas en Outeiro de Rei. Así, aqueles que gusten dos coches clásicos terán un día idóneo para poder comprobar e ollar cómo se desenvolve este modelo que, non fai tanto tempo, poboaba as estradas españolas e europeas.

 

Media Hora mais tarde, sobre as 12.00, a música tradicional tomará Gaioso, xa que será o tempo para que a Escola de Gaitas Penas de Rodas demostre todo o aprendido durante o ano e dea unha boa dose de boa música galega.

 

Sobre as 12.45 será a quenda para o institucional, xa que será a hora á que o alcalde da vila, José Pardo Lombao, pronuncie o seu pregón e dea apertura oficial á festa. O profano dará paso ao relixioso coa celebración da misa Campestre ás 13.00 horas, antes de repoñer forzas co xantar campestre que comezará sobre as 14.00.

 

Pola tarde será o momento dos mais pequenos. Os xogos populares e a actuación do mago Pablo entreterán aos cativos que se acheguen por esta parroquia de Outeiro de Rei.

 

Despois actuará o grupo de Teatro de Penas de Rodas, para rematar coa actuación do grupo musical Sonsalón e unha boa queimada.

Sociedade