Este será o ano do punto limpo

Neda descólgase do punto limpo de Vilar do Colo.
20 de Xaneiro, 2020 - 12:52 h. | Publicada por Radio Fene

Retómase a posta en marcha do punto limpo de Vilar do Colo. Unha vez se actualice o informe licitarase a xestión do mesmo. Participarán finalmente catro concellos.

ESCOITA O PODCAST:

Fene retoma a posta en marcha do Punto Limpo na área industrial de Vilar do Colo. Finalmente compartirán a xestión do servizo catro concellos: Fene, Ares, Mugardos e Cabanas porque finalmente Neda descolgouse do proxecto que quedara paralizado en Setembro de 2018. Como pasou tanto tempo, é necesario agora actualizar o informe de Enxeñería Civil Ártabras (INCART) porque os prezos variaron así como o número de habitantes dos concellos participantes. Polo tanto, a nova fase implica volver a levar a pleno a aprobación do regulamento e do estudo económico. Posteriormente xa se podería licitar a xestión do servizo, en palabras do alcalde de Fene, Gumersindo Galego.

Segundo o informe de setembro de 2018, o custe anual do punto limpo era naquel momento de 105. 148 euros a pagar entre todos, proporcionalmente á poboación de cada un dos municipios. Fene é o que ten un maior número de veciños e veciñas así que pagaría perto do 50%. O servizo é particular, o que quere decir que non haberá recollida dos residuos a domicilio senón que cada veciño ou veciña debe achegar el mesmo os residuos que considere oportunos ao punto limpo en Vilar do Colo, acreditando que é veciño dun dos concellos socios. O servizo será gratuito para os usuarios pero haberá un tope de peso ou volume dos obxectos por usuario e ano.

O punto limpo acollerá múltiples tipos de residuos, desde pilas ata restos de podas. O primiero paso agora será a actualización do borrador de regulamento e a súa aprobación polos plenos municipais dos catro concellos. Despois virá a licitación dun servizo cuxa infraestructura xa está aí e que contará con dous traballadores, un peón e un xerente.

Institucional

Publica o teu comentario agora