A Estrada reúne nun mesmo escenario a cómicos e rockeiros

A Estrada reúne nun mesmo escenario a cómicos e rockeiros

10 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

A organización do Rock & Clown promete revolucionar nesta xornada A Estrada cun novo concepto de festival que fai da irreverencia e o humor a súa bandeira. Circo, música e maxia son os ingredientes desta cita que conta con convidados como Tulsa, Nacho Vegas, Elliot Murphy and The Normandy All Stars, Sonic Angels, The Right Ones, amais dos cómicos Leo Bassi e Eric Jenicot.

Tulsa será a encargada de abrir lume coas súas cancións de voz doce e guitarras ferintes. Despois, chegará a quenda do belga Eric Jenicot -máis coñecido coma Elliot-, un dos referentes do mundo do clown, que levará á Praza da Feira da Estrada o seu espectáculo Rock Comedy Show.

Tras a actuación de Elliot Murphy and The Normandy All Stars, Nacho Vegas presentará Manifesto desastre, o seu último traballo. Leo Bassi tomará o relevo cunha performance ideada especialmente para Rock and Clown, e The Right Ones e Sonic Angels serán os encargados de pechar un evento que desde a organización cualifican de “irreverente, irrepetible e inesquecible”.

As actuacións comezarán ás 18 horas deste sábado 10 de xullo na Praza da Feira da Estrada (Pontevedra) con entrada libre. 

Cultura