Estreamos radionovela e podcast

Estreamos radionovela e podcast
27 de Maio, 2020 - 12:48 h. | Publicada por Radio Fene

Radio Fene- Radiofusión estrean a radionovela e o podcast "A antesala luminosa", unha adaptación da novela do mesmo nome de Antonio Tizón, dirixida por Eugenia Sanmartín. A estrea do primeiro de doce capítulos será o luns 1 de xuño.

ESCOITA O PODCAST:

Entrevistamos a Eugenia Sanmartín.

http://173.255.131.18/audio/270520SANMARTIN.mp3

sanmartin2705

A novela de Antonio Tizón “A antesala luminosa” ven de ser adaptada para a radio e como podcast . Estréanse en Radio Fene-Radiofusión- o luns 1 de xuño. Trátase dunha iniciativa da radio municipal que contou coa participación do grupo de teatro A Tenencia, de Caamouco, que dirixe Eugenia Sanmartín.  Foi a primeira vez que “actuaron” para a radio. “Estamos todos emocionadísimos. Puxeron o mellor que tiñan. Ensaiaron moito. Están desexando escoitar o resultado”. Así expresaba Eugenia Sanmartín a ledicia dos actores e actrices do grupo A Tenencia, máis a  de Pablo Mariño que se sumou ao proxecto por necesitar outra voz masculina.

O traballo foi longo.

Primeiro ler o texto adaptado polo propio autor na novela, Antonio Tizón. Ensaiar no local, logo gravar no estudio foi todo un reto, explica Eugenia, “Porque non hai imaxe escénica, só a voz á que hai que darlle unha estética” engade. Escoller a música que crease os ambientes, algo que describe como agradable e do que disfrutou moito. Sanmartín non ten calculado o tempo empregado pero son moitas horas de traballo para un resultado de 12 capítulos dunha duración entre 20 e 30 minutos cada un. “Por poñer un exemplo, so a montaxe do primeiro capítulo levoume oito horas. Logo xa foi menos” explica Sanmartín.

A gran aprendizaxe foi traballar un texto contando só coa voz e coa música. Aclara a directora de A Tenencia que “sempre me gustou traballar unha obra pensando en se sería comprendida se o público tivese os ollos pechados” . Eugenia dalle moita importancia ao elemento sonoro.” Precisamente aos actores e actrices cústalles valorar e amar a súa voz. Isto axudoulles” conclúe, convencida de que si lle toca facer outra, xa ten novas bases de traballo. Consciente de que hoxe en día a xente está afeita á imaxe, á imaxe a grande velocidade, agarda que valoren o grande e rico que é o son.

O confinamento

Eugenia Sanmartín non pasou mal o confinamento porque, como di ela, por sorte ten casa, comida e amor. Pensou moito durante o encerro, en se tería que reinventarse de novo porque tivo que cancelar varios concertos pechados co seu grupo Maina Materia e estar afastada das clases e dos ensaios. Consciente de que sector da cultura é un dos máis perxudicados porque nel “todo é contacto” está coa asociación Músicas ao vivo reclamando e propoñendo. Con Maina Materia non perdeu o tempo e crearon novas canción e mesmo gravaron desde as súas casas. Xa están ensaiando ao aire libre mentres o tempo acompañe. Agardamos por elas.

Cultura

Publica o teu comentario agora