Estudantes da EIS de Lugo participarán na película Todos os Santos

Estudantes da EIS de Lugo participarán na película Todos os Santos

21 de Febreiro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Alumnos da Escola de Imaxe e Son participarán na próxima rodaxe de Ángel de la Cruz, "Todos os Santos" O Presidente da Fundación TIC e o responsable de Artemática Producciones, acompañados pola actriz Isabel Blanco, asinaron onte o convenio que permitirá a catro estudantes da EIS colaborar na gravación de “Todos os Santos”, a película finalista do III Premio Pilar Miró da Academia das Ciencias e das Artes de Tele

O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, no Salón de Actos da Escola de Imaxe e Son, o convenio de colaboración entre a TIC e Artemática, a productora de Ángel de la Cruz, para que catro alumnos da EIS participen na próxima rodaxe do mencionado cineasta coruñés. Trátase de “Todos os Santos”, película finalista do 3º premio Pilar Miró que concede a Academia das Ciencias e das Artes da Televisión. Artemática realizará para a TVG este traballo, escrito por José Antonio Pastor. Acompañaron a Gómez Besteiro e a Ángel de la Cruz, Isabel Blanco, actriz deste telefilme.  

Os alumnos da Escola de Imaxe e Son traballarán ás ordes de Ángel de la Cruz, que dirixirá o telefilme no que, ademais de Isabel Blanco, intervirán Carlos Blanco, Tamar Novas, Camila Bosa e Dorotea Bárcena, entre outros actores. De la Cruz iniciará a rodaxe de ”Todos os Santos” o vindeiro día 4 de marzo, no pazo de Vilaboa, na Coruña. O 8 de marzo, todo o equipo se trasladará a Lugo para continuar coa gravación. Os alumnos da Escola de Imaxe e Son aproveitarán a ocasión para facer unha visita ó set da rodaxe.

Unha vez rematada a gravación, o director  coruñés manterá un novo encontro cos estudantes do único centro público na provincia luguesa con ensinanzas superiores no eido audiovisual, para ofrecerlles unha clase maxistral sobre traballo que desenvolve como director, guionista e produtor. Ángel De la Cruz recibiu tres Goyas, os dous primeiros pola dirección de “O Bosque Animado” (2001) e o “Soño dunha Noite de San Xoán” (2005), e o último no 2012, ó mellor guión adaptado por  “Arrugas”.

Inserción laboral

O convenio asinado onte enmárcase na aposta da Fundación TIC, dependente da Deputación, pola formación dos alumnos da EIS con prácticas reais para facilitar a súa inserción laboral. Por este motivo, a TIC mantén contacto con máis de 70 empresas nacionais do sector multimedia e ten asinados 109 convenios con ONGs, asociacións culturais e entidades deportivas, que permiten ós estudantes da Escola realizar traballos profesionais, así como un programa de bolsas de emprego para os titulados.

A Escola de Imaxe e Son de Lugo, o único centro educativo da provincia que imparte ensinanzas de formación profesional da familia audiovisual, oferta 44 prazas, 22 para cada un dos módulos superiores: Realización e Produción de Audiovisuais. Todas elas quedaron cubertas ó pouco de abrirse o prazo de matrícula, ó igual que ocorreu os catro anos anteriores, e mesmo moita xente quedou en lista de espera, agardando a  posibles baixas de última hora.
A Escola ten matrícula gratuíta dende hai cinco anos para todos os alumnos, agás os repetidores, co fin de apoiar un ensino público de calidade e accesible a todos.

Sociedade