Estudar na recta final

Estudar na recta final
18 de Xuño, 2020 - 02:07 h. | Publicada por Radio Fene

A biblioteca municipal de Fene reabre a aula de estudio o vindeiro luns 22 de xuño, con cita previa e contemplando todas as normas sanitarias vixentes.

A biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé anuncia para o vindeiro luns 22 de xuño a reapertura da aula de estudio ubicada no primeiro andar da Casa da Cultura. Para prestar novamente este servizo coa máxima seguridade, as persoas usuarias deberán solicitar cita previa nos teléfonos 981 34 23 02 / 607 625 346, en horario de luns a venres, de 09:00 a 14:00 horas ou enviar un correo a fene.rbgalicia@eidolocal.es Unha vez confirmada a cita, as persoas usuarias do servizo só poderán facer uso da mesa e a cadeira que lles asigne o persoal no mostrador da biblioteca, que garantirá a distancia mínima de separación entre elas. Ademais, controlarase o aforo á aula de estudio e habilitarase unha única mesa por persoa, que se hixienizará logo de cada uso.

En canto ás medidas hixiénico-sanitarias que rexerán a posta en marcha do servizo, segundo informan dende a biblioteca municipal de Fene, as persoas que fagan uso da aula de estudio “deberán empregar en todo momento mascarilla e desinfectar as mans ou luvas antes de entrar na sala, empregando para iso os dispensadores de xel hidroalcohólico dispoñibles na entrada da Casa da Cultura ou no mostrador da biblioteca”. Prohíbese ademáis o acceso á instalación no caso de ter febre (37º) ou síntomas da COVID-19 ou se houbo algún contacto próximo cunha persoa infectada. Lémbrase ademáis que, ao tusir ou esbirrar, cubriranse as vías respiratorias cun pano desbotable ou co antebrazo e, no caso de empregar un pano, desbotarase inmediatamente de xeito adecuado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca, xa que as mans facilitan a transmisión e non se compartirán con outras persoas usuarias da aula equipos, dispositivos e material.

Dende a biblioteca lembran cales son os deberes das persoas usuarias que queiran empregar a aula de estudio: contribuir ao coidado e conservación das instalacións e equipos; facilitar a actividade de supervisión; respectar as indicacións que reciban do persoal respecto ao funcionamento da sala; contribuír ao mantemento da orde na sala; non consumir ningún tipo de alimento ou bebida, así como non facer uso de teléfonos móviles; empregar preferentemente as escaleiras, os ascensores están reservados para persoas con problemas de mobilidade e só unha persoa de cada vez.

Cultura

Publica o teu comentario agora