Esváense os olores de Eau de femme

A artista Idoia Cuesta acudiu á clausura
19 de Outubro, 2020 - 11:52 h. | Publicada por Radio Fene

A exposición Eau de femme despediuse do Torrente Ballester onte domingo, último dia para disfrutala despois de máis de dous meses acollendo obra se talentos locais, galegos e internacionais arredor do olor e da muller.

ESCOITA O PODCAST:

Clausurouse a exposición Eau de femme no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol. Se accidentado foi o inicio, pois debeu atrasarse cando se decretou o estado de alarma e non puido haber acto oficial de inauguración cando se abría en pleno verán, o mesmo ocorría o sábado na clausura. O protocolo da Covid19 impediu reunir a máis de dez persoas no centro cultural ferrolán para realizar o acto de clausura pensado para a ocasión. A comisaria da mostra, a fenesa Dulce Anca, pronunciou unhas palabras nas que se referiu a Ferrol, a cidade que a veu nacer como artista e onde ela quixo levar esta mostra que levaba anos pensando. Algúns dos 32 artistas participantes na mostra, acompañaron a Anca neste último acto celebrado o sábado 17 de outubro. A exposición puido verse onte domingo como último dia. 

Entre eses artistas estaba Idoia Cuesta, autora da obra que nos recibía na entrada das salas que ocupou Eau de femme durante máis de dous meses. Idoia Cuesta traballa no seu taller de Outeiro de Rei en Lugo. Esta vasca de nacemento e galega de adopción, define a súa obra como cestería contemporánea. O cualificativo significa que da un salto da artesanía á investigación, á creación, a novas formas e a novos escenarios, como a pasarela Cibeles, a Portugal Fashion ou Loewe. O seu traballo valeulle o Premio Nacional de Artesanía en mais dunha ocasión. Utiliza diferentes materiais para elaborar as súas pezas. O téxtil é unha delas, outra o vimbio que utilizou para crear a peza coa que participou en Eau de femme. Escolleuno porque no proceso creativo, cando se pela e se molla para poder malealo e darlle a forma desexada, o vimbio desprende olor.

 

(No centro da imaxe, Dulce Anca. Na esquerda, Idoia Cuesta)

Cultura

Publica o teu comentario agora