Eu síntome moi mariñeiro

Eu síntome moi mariñeiro
11 de Marzo, 2021 - 11:00 h. | Publicada por Radio Fene

No Club de lectura falamos con Rivadulla Corcón autor de " Cando soa a buguina". A buguina é un símbolo moi importante para a xente do mar. Agora escasean pero noutrora as peixeiras usábana cando ían vender o peixe para dicir “aquí estamos”. En Fisterra, os días de néboa, os mariñeiros facíanas soar desde a lancha e as mulleres situábanse nas rochas e berrabanlles desde a costa. 

ESCOITA O PODCAST:

Henrique Rivadulla Corcón ven de publicar na colección Merlín de Xerais o libro: “Cando soa a buguina ” que logra algo ben difícil, contar unha historia dramática para un público infantil e que esa historia resulte unha aventura, a través do xogo dos protagonistas. A Carme, nena de 9 anos, desaparécelle o pai no mar, nun naufraxio. Ela sabe que non volverá velo pero, co seu amigo Tonecho, buscan o lugar onde pode estar. Esa busca equilibra a pena que trae a morte. Para Rivadulla Corcón o mar é moi importante en todo o que fai; poesía, narrativa, televisión… É o seu hábitat natural porque a súa familia é de Muxía e, a pesar de nacer na Coruña, pasou moito tempo na vila mariñeira onde vía ás mulleres xuntárse no peirao para ir buscar aos homes que volvían do palangre. “Teño gravada esa imaxe. É mellor escribir do que un coñece” afirma o autor.

Quizás esa imaxe feminina fai que “Cando soa a buguina” estea atravesada pola conciencia de xénero. “A protagonista non quere ser o capitán Carmenciña senón a capitana Barrientos”. O carácter de Carme na obra de Rivadulla é o carácter das mulleres dos mariñeiros que, ante a súa ausencia, toman as rendas e gobernan a vida. Tamén é fermosa e natural a historia de amor entre os protagonistas. Rivadulla cita neste libro a diferentes autores galegos que escreben sobre o mar, como Fernández Naval ou Xurxo Souto, demostrando que o mar é moi literario, non so a paisaxe, que tamén, senón o traballo do mar. “Eu síntome moi mariñeiro” afirma Rivadulla, e máis agora no traballo documental que realiza para a TVG polo que pasa moitas horas no mar.

Finalmente desvélanos que as ilustracións de “Cando soa a buguina” son obra da súa sobriña, Viki Berre, quen xa ilustrou outros libros seus. Neste caso gustoulle que fose ela porque coñece perfectamente ese mundo xa que o seu pai foi mariñeiro. Rivadulla Corcón traballa na actualidade nun libro de poesía e narrativa a un tempo que de novo ten que ver co mar. “Un home desencantado deste mundo decide coller unha xeiteira e vivir no mar”. Agardamos por el.

 

(Na imaxe, ilustración de Viki Berre para o libro "Cando soa a buguina"

Cultura

Publica o teu comentario agora