Eu son un privilexiado.

Eu son un privilexiado.
20 de Maio, 2020 - 11:28 h. | Publicada por Radio Fene

O bar O emigrante abrirá o próximo luns 25 de maio a súa terraza á que lle dedicarán todos os esforzos. Non ocurrirá o mesmo co bar e o restaurante interiores que permanecerán pechados, utilizados só polo personal de servizo.

ESCOITA O PODCAST:

A terraza

Bar O emigrante, toda unha referencia no verán pola súa proximidade ás praias de Limodre (Fene) abrirá a súa ampla terraza o próximo luns 25 de maio. De momento non explotarán o bar nen o restaurante interior, únicamente a terraza exterior que ampliarán aínda máis polo aparcamento dianteiro, segundo nos informa Jose Miragaya. A ampliación non suporá máis mesas, senón poder separalas máis entre elas para cumplir as normas emitidas polo goberno central. Segundo Miragaya, a capacidade será de menos da metade de prazas que antes da crise. O emigrante dispón de terraza baixo carpa xusto diante do bar e doutra situada baixo a parra. Agora súmase a zona anterior á vivenda, no espazo que se destinaba a pequeno aparcamento.

As praias

Por suposto Jose Miragaya está desexando que se abran as praias ao baño pero non ve nada claro esa medida de pedir cita por internet da que se está falando. “Non o entendo. Vai ser difícil controlar iso” afirma Miragaya quen cre que, aínda así, habería que poñer a alguén a pé de praia para controlar.  “Esta fin de semana había uns 30 barcos fondeados aí diante. Esa xente vai baixar á praia” explicaba. E engade que o areal está neste momento cheo de paus que arrastrou a marea e que supostamente se limpará esta semana porque , se pasamos á fase 2, háina que ter preparada.

Sentidiño

“Eu síntome privilexiado porque teño sitio. Outros non teñen terraza e outros decidiron pechar definitivamente. Foi algo que fastidiou a moitos” declara José Miragaya. Os beneficios que saque O emigrante, se todo vai ben e non hai marcha atrás,  non se poderán comparar cos anos anteriores pero teñen a esperanza de poder traballar despois deste tempo de incertidume. Ademais, no caso deste establecemento, levan pechados máis de catro meses porque, xusto antes de decretarse o estado de alarma sanitaria, so catro días antes acababan de reabrir as portas despois do peche de dous meses que fan cada ano por descanso. Mirando para diante, Miragaya dí que procurarán adaptarse ás circunstancias, adoptando todas as medidas de hixiene necesarias e co desexo de que todos actuemos con sentidiño.

Sociedade

Publica o teu comentario agora