Excelente estado de conservación do Greco de Lemos

Excelente estado de conservación do Greco de Lemos
02 de Agosto, 2019 - 11:48 h. | Publicada por Radio Monforte

Dous dos cadros máis fermosos do Greco, "A aparición da Virxe co Neno a San Lourenzo" e "San Francisco de Asis e o irmán León" pódense visitar na pinacoteca dos Escolapios de Monforte de Lemos. Son pinturas de Doménikos Theotokópoulos encargadas polo cardeal Rodrigo de Castro.

San Lourenzo

Para o comisario da exposición sobre o cuarto centenario do Greco realizada no 2014 en Toledo cun millón de visitantes, Fernando Marías, son "dous dos cadros máis fermosos do Greco que hai en España". O "San Lourenzo" é un dos primeiros cadros de devoción que realizou o artista á súa chegada a Toledo, e, en opinión de Marías, desmente a idea de que o artista cretense rompeu coa súa obra anterior ao trasladarse a España. Se o cadro de "San Lourenzo" é representativo do primeiro período toledano, o de "San Francisco" o é das súas últimas obras en cidade castelá. Ambas as obras foron encargadas ou adquiridas polo cardeal Rodrigo de Castro (1523-1600), membro da Casa de Lemos e fundador do Colexio da nosa Señora da  Antigua de Monforte.

 

As dúas pinturas do Greco que se conservan en Monforte viaxaron tamén nos últimos anos a Xapón, sendo visitados por medio millón de persoas.

 

O Greco pintou "A aparición da Virxe co Neno a San Lourenzo" en 1577, o mesmo ano da súa chegada a Toledo. É un dos poucos cadros relixiosos que o artista cretense pintou para particulares na súa primeira estancia toledana, neste caso para Rodrigo de Castro, que desempeñou un importante papel na corte de Felipe II e formou parte do Consello de Estado e do Supremo Consello da Inquisición española; foi bispo de Zamora e Cuenca e arcebispo de Sevilla.

 

Todo un canto á espiritualidade, trátase dunha das grandes obras do Greco, de claro estilo veneciano e pincelada rápida e vigorosa. San Lourenzo aparece vestido cunha finísima casulla con brocados. Na súa man dereita sostén a grella, símbolo do seu martirio, mentres dirixe a mirada á Virxe co Neno Jesús. No fondo de nuboeiros e claros do fondo ven algúns críticos un anticipo do tenebrismo, mentres que outros destacan nas filigranas da casulla o virtuosismo técnico que Doménikos exhibirá máis tarde nas vestiduras litúrxicas do "Enterro do conde de Orgaz" (1586-1588), unha das súas obras de máis sona. Curiosamente, neste último cadro tamén aparece un hábito de franciscano, que O Greco perfeccionou cunhas pinceladas máis soltas no "San Francisco" (1609) de Monforte.

 

Os cadros "galegos" do Greco atópanse nun excelente estado de conservación. En 1927 foron restaurados por Manuel de Arpe, restaurador do Museo do Prado.

Cultura

Publica o teu comentario agora