Expectación e certa intranquilidade nos empregados de Inditex

Expectación e certa intranquilidade nos empregados de Inditex

11 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

Con certa intranquilidade recibiron os empregados do grupo Inditex a nova do relevo na presidencia do grupo. Amancio Ortega cederá no vindeiro mes de xuño o seu sillón a Pablo Isla, e non se sabe se o cambio provocará tamén mudanzas nas diferentes marcas do grupo.

Pablo Isla, e non Marta Ortega, será o futuro “mandamáis” na maior empresa téxtil do mundo, o grupo galego Inditex. O actual número dous da compañía será proposto para o cargo polo fundador e aínda máximo responsable da compañía con sede en Arteixo, Amancio Ortega, o vindeiro mes de xuño. Ortega, que vai cumprir os 75 anos de idade, aínda non ve preparada para levar o temón do xigante empresarial á súa filla, de 26 anos de idade, e que leva un tempo formándose ao abeiro do seu pai. Para manter a posición dominante no mercado, o creador de Zara prefire confiar o relevo ao seu brazo dereito trala marcha de José María Castellanos, segundo vén de informar por carta a compañía á Comisión Nacional do Mercado de Valores.

O madrileño Pablo Isla, de 46 anos de idade, é o conselleiro delegado e vicepresidente executivo de Inditex dende o ano 2005. Con anterioridade, este licenciado en Dereito pola Universidade Complutense e avogado do Estado, xa ocupara a presidencia do consello de administración da multinacional tabaqueira Altadis. Nos anos 90 exerceu de director dos Servizos Xurídicos do Banco Popular, do que chegaría a ser secretario xeral, e mesmo entrou no Goberno como director xeral de Patrimonio do Estado no Ministerio de Economía e Facenda durante a primeira lexislatura de José María Aznar. Pablo Isla é ademais membro do consello de administración de Telefónica.

A partir do próximo verán recibirá o mando de Inditex de mans do primeiro accionista do grupo téxtil, Amancio Ortega, que posúe case o 60 por cento de títulos e que permanecerá no consello directivo. Nunha carta distribuída aos empregados da compañía, o empresario de orixe leonesa informa de proposta de nomeamento de Isla que considera como “o mellor para o futuro da compañía”, reclamando “lealdade e compromiso” á figura do novo presidente. O home que comezou no negocio do corte e confección fabricando batas nos anos 70, deixa noutras mans un imperio de moda que conta arestora cunha rede comercial de preto de 5.000 tendas espalladas por 77 países.

Sociedade