A experiencia dunha axudante de armador en Navantia Fene

A experiencia dunha axudante de armador en Navantia Fene

17 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Ana María López Patiño é, dende hai catro meses, axudante de armador da firma Ainair no asteleiro de Perlío, aínda que as súas aspiracións pasan por chegar a converterse en oficial de primeira e traballar como soldadora. O seu é un caso excepcional dentro dunha empresa e dun sector copado maioritariamente por homes. Malia todo, esta ferrolá asegura sentirse moi satisfeita polo traballo que realiza e afirma que descubriu a súa &quot

Filla e irmá de soldadores, Ana María López Patiño realizou hai case tres anos un curso de soldadura no Centro de Formación Ocupacional de Caranza. Ao rematar, resultoulle bastante difícil atopar emprego porque, segundo ela, “moitas empresas se amosan aínda reticentes a incorporar mulleres ao seu plantel”. Ata que ao final lle deron unha oportunidade en Airnair e puido entrar a traballar no asteleiro.

Como axudante de armador, esta veciña de Ferrol realiza todo tipo de tarefas, dende “puntear pezas ou soldar cousas pequenas ata pasar a radial e todo o que precise o armador que é quen se encargan de montar os bloques”. Asegura que é un traballo duro e que require do emprego de bastante forza física pero, por outro lado, engade que “é moi gratificante”.

Ana María López Patiño ten claro que, para chegar a ser unha grande soldadora, necesita practicar moito e ir acadando experiencia. Aínda que polo de agora está no escalafón profesional máis baixo, afirma que porá todo o seu empeño en ir ascendendo para chegar a ser oficial de primeira.  

Sociedade