Experto en epilepsia

Experto en epilepsia
24 de Outubro, 2020 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

O doutor Borrás anunciábase como experto na curación da epilepsia. En 1926 consultaba tanto en Ferrol como en Maniños. Indicábase que desaparecían os ataques compulsivos por un tratamento especial e propio do médico. José Borrás renuncia ao posto de médico da sociedade de socorros mutuos El Recurso Obrero, o 19 de xullo de 1918 por ter fixado a súa residencia en Maniños. Quizais esa é a data do remate da edificación coñecida como “torre de Borrás” (Maniños Fene) un edificio que foi proxectado como sanatorio.

ESCOITA O PODCAST:

Estefania Purriños fala da torre de Borrás

http://173.255.131.18/audio/201020PURRINOS.mp3

Torre de Borrás (Maniños Fene) Fotografía: Maite Martinez

José Demetrio Manuel Borrás Vizoso naceu en Maniños o 19 de decembro de 1865. Os seus avós paternos eran de Barcelona, o pai –Antonio Borrás Doval- residía en Cervás (Ares) e a nai -Antonia Vizoso del Rio- era de Maniños. Antonio e Antonia casaron e establecéronse en Maniños nunha vivenda no lugar que logo se denominou o “Camiño do Catalán” aludindo á procedencia dos Borrás. Antonio Borrás Doval aparece en 1873 como un dos máximos contribuíntes da parroquia. O  seu fillo, o médico José Borrás Vizoso del Río, tiña interese por estender os hábitos hixiénicos e por promover a medicina preventiva. O doutor Borrás casou en xullo de 1895 con Asunción Llamas Tojo. Pero os seus fillos e a súa dona morreron nos primeiros anos do século vinte: José (1900), Victor (1901) e a súa dona Asunción (1906). En abril de 1904 pasaba consulta en Ferrol na Rúa María 170-1º. Foi alcalde de Ferrol entre 1905 e 1909.  
A coñecida como “torre de Borrás” adquiriu protagonismo con motivo da celebración da primeira romaría do Pote o 17 de setembro de 1933. Naquela ocasión actuou o Real Coro Toxos e Froles no campo da festa inaugurando o palco. Mais tarde trasladouse á casa do doutor Borrás onde se izou a bandeira republicana e lle ofreceron unha recepción aos músicos. A “torre” conta cunha fachada de 25 metros. A cuberta é plana cunha torre e pequeno torreón. Érguese nunha parcela de catro mil cen metros cadrados. Tiña unha galería como biblioteca pero na actualidade está destruída. Á outra beira da estrada figura a casa dos caseiros e tamén un muíño.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora