Expertos de todo o Estado reúnense en Compostela para debater sobre os programas de acompañamento escolar

Expertos de todo o Estado reúnense en Compostela para debater sobre os programas de acompañamento escolar

23 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Docentes e asesores do Ministerio de Educación e de todas as comunidades autónomas reuníronse en Santiago de Compostela nas xornadas O acompañamento escolar. Máis aló do horario lectivo. O obxectivo deste encontro é o de compartir experiencias e avaliar o Programa de Reforzo, Orientación e Apoio (PROA), no que participan 172 centros de Galicia.

O PROA é un proxecto de cooperación entre o Goberno central e as comunidades autónomas que aborda as necesidades asociadas ao alumnado en situación de desvantaxe socioeducativa. Os rapaces incluídos nestes programas reciben clases de apoio, nas que traballan para mellorar a súa concentración e constancia de traballo escolar. Son os profesores do propio centro, ou contratados para esta tarefa, os que reforzan as aprendizaxes non acadadas na clase polo alumnado e revisan cales foron os contidos que non quedaron o suficientemente claros.

O plan PROA púxose en marcha de forma experimental no último trimestre do curso 2004/2005. En Galicia está implantado en 172 centros, fronte aos 40 do primeiro ano. 

Sociedade