Expertos internacionais comparten na Coruña as súas investigacións sobre células nais canceríxenas

Expertos internacionais comparten na Coruña as súas investigacións sobre células nais canceríxenas

01 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

A investigación do papel que xogan as células nai nos tumores malignos supón a liña científica máis esperanzadora de cara a atopar un tratamento definitivo contra o cancro. Pénsano así os expertos mundiais que mañá e pasado se reunirán na Coruña para compartir os seus coñecementos na materia.

O Servizo Oncolóxico do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, que conta cun prestixioso grupo de investigación, organiza este II Wokshop sobre células nai. A primeira edición do simposio, celebrada o ano pasado, xirou arredor do cancro de mama e de pulmón. Nesta ocasión os científicos chegados de diferentes puntos de Europa e Estados Unidos centraranse no estudo das células nai nos tumores malignos do sistema nervioso central. Esta liña non só resulta interesante desde o punto de vista oncolóxico, senón que abre unha vía de cara á consecución de terapias rexenerativas que permitan a cura de doenzas como o parkinson ou o alzheimer.

O director do Servizo Oncolóxico do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, Luis Antón Aparicio, defendeu nos micrófonos de Radiofusiòn a importancia destes traballos que, asegurou, poderían ter aplicación clínica a curto prazo. Así as cousas, entende que as administracións deberían apoiar en maior medida esta liña de investigación “esperanzadora”.

Sociedade