Expo Ordes coa discapacidade

Expo Ordes coa discapacidade

14 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O Concello de Ordes ten todo preparado para a celebración esta fin de semana da súa feira multisectorial por excelencia, Expo Ordes 2011. Unha feira que contará con preto de 80 expositores en total, entre os stands que estarán repartidos polos máis de 3.000 metros cadrados de carpa, así como no exterior da mesma.

Expositores que representarán a diversos sectores como a náutica, o textil, a alimentación, o automóbil, as enerxías renovables, os mobles, a construción ou a maquinaria agrícola. Uns stands aos que se sumarán outros de diferentes asociacións, colectivos e institucións da comarca. 

Como novidade nesta edición de Expo Ordes, o recinto feiral contará cunha zona adicada ao mundo da discapacidade. Espazo no que se darán cita diferentes asociacións e colectivos relacionados co mundo da discapacidade, así como empresas adicadas á prestación de servizos e elaboración de productos neste ámbito.Nesta zona, ditas asociacións informarán sobre o seu traballo coas persoas que sofren algún tipo de diversidade funcional, así como se darán a coñecer os diferentes tipos de discapacidades a todos os asistentes. 

A apertura do recinto feiral de Expo Ordes terá lugar mañá venres ás 20 horas nunha xornada que estará adicada aos empresarios e autónomos locais. O sábado o recinto abrirá as súas portas dende as 10 ás 21 horas na que todos os asistentes poderán visitar os stands nos que estarán instalados as mellores e máis importantes empresas tanto a nivel local como comarcal e autonómico. 

A xornada do domingo será unha das máis esperadas coa celebración da XXII Festa do champiñón. Unha festa que contará cunha degustación gratuíta do producto nos establecementos hosteleiros do municipio, para a que o Concello repartirá arredor de 10.000 kilos de champiñóns.

Sociedade