Falando de memoria

Falando de memoria
05 de Agosto, 2020 - 01:00 h. | Publicada por Radio Fene

O meu nome é Maite Martínez e vivo en San Valentín en Fene. Estou a piques de rematar o Grao en Comunicación Audiovisual pero sempre estiven moi interesada na Historia. Penso que é fundamental coñecer a nosa historia, de onde vimos e o que pasou ao noso arredor. Tanto é así que o meu Traballo de Fin de Grao xira arredor da memoria histórica.

 

ESCOITA O PODCAST:
Constantino Rico nas Fragas do Eume

Grazas a isto cheguei a contactar con Romain Rico, quen procuraba información sobre o seu bisavó, Pedro, falecido en Cabanas en 1947. Romain vive xunto co seu pai Constantino en Francia, con quen puidemos falar hai pouco. Naceu en Pontedeume pero non sabía nada do seu avó e sentía curiosidade por coñecer o lugar no que vivira. Seus pais casaron pouco antes de morrer Pedro e marcharon para Francia despois de que a Garda Civil detivera ao seu tío acusado de pertencer ao Partido Comunista. Constantino quere contar a historia de Pedro Rico tal e como sucedeu para deixar un legado aos seus fillos.

A sobriña de Constantino López Marcos, Maite López, foi unha das primeiras persoas en solicitar a reparación moral pola morte do seu familiar. Non contaba con delitos de sangue pero aínda así, un grupo de falanxistas e Gardas Civís separárono do grupo co que volvía a casa dunha festa. Levárono xunto con Pedro Rico Rodeiro ás Fragas do Eume co fin de torturalos de xeito cruel para obter información sobre a guerrilla antifranquista.

Pedro Rico Rodeiro contaba con 52 anos cando foi detido de xeito ilegal na madrugada do 15 de agosto de 1947 xunto con Constantino López, que tiña 35. Ambos foron torturados sen apertura de causa xudicial, presentación de probas, dereito á lexítima defensa ou a un xuízo xusto. Os seus restos apareceron nas Fragas do Eume catro meses despois.

Sociedade

Comentarios

Gracias por ocuparte dos que non teñen.voz
Nome: 
Serafin Souto Velo

Publica o teu comentario agora