Fallado o Certame escolar de Microrrelatos de Fene

Fallado o Certame escolar de Microrrelatos de Fene

07 de Maio, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O xurado do IV Certame de Microrrelatos que organiza a Concellería de Cultura de Fene e os Equipos de Normalización Lingüística  dos centros de ensino feneses fallou os premios do concurso que este ano xirou en torno ao Museo do Humor,  con motivo da conmemoración do seu 30 aniversario.

Na categoría A, dirixida aos alumnos/as de 5º e 6º de primaria, o primeiro premio recaeu no traballo titulado O barco de cor, de Paula Cutrín Calvo, alumna de 5º no CEIP Os Casais. Na categoría B (para 1º e 2º de ESO)  resultou premiado o microrrelato titulado O artista inesperado, de Xiao Calvo Sanjurjo, alumno de 1º de ESO do IES de Fene. Na categoría C (3º e 4º de ESO)  o primeiro premio foi para o traballo A alarma, de Noelía Freire Fernández, alumna de 4º de ESO do IES de Fene. Na categoría D (para bacharelato e ciclos formativos) o premio quedou deserto ao non resultar seleccionado ningún traballo desta categoría.

O xurado, presidido pola concelleira de Cultura Rocío Bértoa, e formado por 2 membros (1 profesor/a e 1 alumno/a) nomeados polos centros de ensino participantes, agradeceu a participación do alumnado dos centros que concorreron a esta IV edición do Certame de Microrrelatos, deixando constancia da calidade, diversidade e do elevado número de participantes. Salientou tamén a variedade de temáticas recollidas nos traballos presentados nesta edición: amor, humor, misterio…

Cinco centros educativos do Concello de Fene participaron nesta IV edición do Certame : o CPI A Xunqueira, o CEIP de Centieiras, o CEIP O Ramo, o CEIP Os Casais e o IES de Fene. Superada a fase de selección interna en cada centro, pasaron á final un total de 15 traballos que o Concello editará tanto en formato papel (libriño) como en formato dixital (pdf en web). A entrega de premios e a presentación da publicación faráse no Museo do Humor o vindeiro 30 de maio ás 20 horas.

Sociedade