Faltan médicos en oncoloxía de Santiago de Compostela

Faltan médicos en oncoloxía de Santiago de Compostela

05 de Maio, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

A fiscalía estudará a existencia de retrasos inxustificados nos servizos de oncoloxia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. SOS Sanidade Pública e a asociación de Usuarios acusan á Xunta de Galicia de facer repercutir os recortes presupostarios no dereito á saúde da cidadanía.

Os tratamentos oncolóxicos son complexos, multidisciplinares e, sobre todo, prolongados no tempo. Así, os moitos doentes que superan a enfermidade non se desligan inmediatamente do sistema sanitario, senón que teñen que someterse a diversas revisións cada vez máis separadas no tempo entre si ata a alta definitiva. Así, por exemplo, pacientes que son revisados cada mes pasan a selo cada tres meses e despois cada seis ou cada ano, ata que o seu proceso se pecha. Son estas últimas revisións, as dos pasos finais do control, as que, segundo alertan doentes do Hospital Clínico de Santiago, están a sufrir demoras de ata oito meses ou, o que é o mesmo, están vendo máis que duplicado o prazo indicado inicialmente polo servizo de oncoloxía.

A denuncia vén de lanzala SOS Sanidade Pública e os sindicatos integrados nesta plataforma, e confírmana pacientes oncolóxicos do CHUS. "Fixeron unha especie de cribado" e "en vista da saturación", explica unha doente, demoran as revisións periódicas de "pacientes que están estables, pero aínda non dados de alta". Deste xeito, advirte, "se tiñas revisión cada seis meses, duplícanche o prazo", o que ademais da lóxica inquedanza na persoa que espera provoca que 'caduquen' probas xa realizadas, como radiografías, TAC ou análises de sangue que son avaliadas nesas revisións.

"Estanse dando casos", advirte SOS Sanidade, en que pacientes "son chamados dende os servizos de admisión do CHUS para atrasar en máis de oito meses a cita para a revisión". "A algunhas persoas citadas para o mes de maio de 2016 estáselles a atrasar a cita para xaneiro de 2017", exemplifican. Cando as persoas afectadas pola demora "acoden ao servizo de atención ao doente, o que se lles comenta é que o atraso na revisión é debido á falta de oncólogos". "Faltan oncólogos e tamén falta espazo", explica en declaracións a Praza a voceira da Asociación de Usuarios do Servizo de Oncoloxía compostelán (AUSO-CHUS), Montse Recalde, que constata que esas carencias foron comunicadas "polo persoal" de Oncoloxía.

Sociedade