A FAO aplicará o modelo do Banco de Terras na Europa do leste

A FAO aplicará o modelo do Banco de Terras na Europa do leste

08 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A FAO recoñeceu a importancia do Banco de Terras como proxecto útil para o aproveitamento da superficie agraria e o incorporará aos seus proxectos en Croacia, Bosnia-Herzegovina e Albania. A través dunha comunicación remitida pola Oficina Rexional da FAO para Europa e Asia Central á Consellería de Medio Rural, esta organización agradeceu a organización do Seminario de Tenencia de

“As recentes experiencias de Galicia en bancos de terras, xestión forestal e uso da terra que foron compartidas cos participantes do seminario foron de gran relevancia e proporcionaron información moi importante para replicar este coñecemento”, sinalou a subdirectora xeral da oficina da FAO, a eslovaca María Kadlecikova.

“Estamos seguros de que isto enriquecerá o noso traballo futuro de tenencia da terra nos países de Europa e de Asia central”, engadiu, non antes de anunciar que “o enfoque galego do Banco de Terras (BanTeGal) foi incluído nas recomendacións da Estratexia de Desenvolvemento Rural do Condado de Medimurje, en Croacia, e será incorporado tamén nos proxectos de elaboración en Bosnia-Herzegovina e Albania”

Así, a FAO recoñece que o Banco de Terras de Galicia favorece o aproveitamento da superficie agraria útil abandonada para brindar a oportunidade de incrementar o tamaño das explotacións que o precisen, así como a instalación de mozos que queiran incorporarse á actividade agrogandeira.

A través desta ferramenta poderán beneficiarse aquelas persoas propietarias de fincas rústicas, ao percibir unha contía polo alugueiro da terra, e as dedicadas á actividade agraria, dispoñendo dunha maior superficie para ampliar a súa base produtiva. Ambos contan coas garantías dun banco público xestionado pola Xunta.

Este feito de optimización de recursos públicos, con prezos de referencia para o alugueiro de fincas, foi de interese para os responsables da FAO, que xa no propio seminario organizado en Santiago de Compostela no pasado mes de febreiro amosaron a posibilidade de aplicar este modelo en países con fragmentación parcelaria e risco de abandono semellantes.

Sociedade