A fauna salvaxe ameaza á comarca da Terra Chá

A fauna salvaxe ameaza á comarca da Terra Chá

29 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O secretario de Sectores Gandeiros, Adolfo Cabarcos e o Coordenador de Sectores Gandeiros, Xavier Gómez, alertaron esta mañá dos danos que a fauna salvaxe está a causar na comarca chairega. Asimesmo, pediron que se reforme a lei de caza e que a xestión da fauna pase a mans da sociedade.

Abadín ou Xermade son só algunhas das zonas afectadas polos animais salvaxes que habitan polas comarcas chairegas. As patacas, afirmou o Secretario de Sectores Gandeiros, Adolfo Cabarcos, son os cultivos que teñen máis problemas. "Nalgunhas zonas a fauna salvaxe levanta tres hectáreas e logo as indemnizacións só cubren unha" dixo Cabarcos.  

O lobo tamén leva o seu grao de culpa. Malia a dificultade de averiguar datos exactos dos danos, pola desaparición destes animais, en Xermade os ataques estragaron moitas leiras de patacas e de trigo. Mais nesta localidade é o cocho o que ocasiona maiores desperfectos e tamén a aparición de cervos.

Pola súa parte o coordenador de Sectores Gandeiros, Xavier Gómez, sentenciou que os danos da fauna salvaxe van aumentando co paso do tempo ata que chegue un momento no que a situación se faga totalmente insostible. Hoxe en día as camadas de xabaríns, por exemplo, multiplicáronse. Este problema, afirmou, "afecta a calquera persoa que semente unha parcela de patacas, hortas ou trigo", quen tamén apuntou a necesidade de reformular a lei de caza que privatiza a xestión da fauna salvaxe, xestión que segundo Gómez debería correr a cargo da sociedade. Ó fin e o cabo, dixo, "as consecuencias páganas os que viven no medio rural".

Os representantes de Sectores Gandeiros pediron por outra banda que se axilizara o sistema de subvencións xa que as trabas que existen neste eido fan que, en ocasións, os afectados non reciban axudas en polo menos dous anos.

Sociedade