A Federación de Comercio coida que as rebaixas non recuperarán o nivel de consumo familiar

A Federación de Comercio coida que as rebaixas non recuperarán o nivel de consumo familiar

07 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

As rebaixas non serán bálsamo ningún para o comercio galego, porque existe un problema de fondo que cómpre resolver. “A xente non compra e hai que solucionar a confianza”, láiase o presidente da Federación Galega do Comercio, José María Seijas, quen sitúa a recuperación dos niveis do consumo para despois do ecuador de 2010. “As perspectivas non son para aplaudir”, declarou en Radiofusiòn. 

As visitas ás tendas durante a campaña do Nadal foron tan numerosas como sempre, pero non así o gasto, segundo os datos da Federación que lembra que no pasado curso incrementáronse as porcentaxes de aforro familiar: “O consumo está baixo porque a xente procura gardar algo vista a situación económica”, explica Seijas, ao tempo que cifra en 95 millóns de euros o gasto en Galicia durante o período de rebaixas.

A Federación Galega de Comercio fía boa parte das súas esperanzas para a recuperación do sector ao plan de choque presentado pola Xunta, mediante o que a Administración avala até o 90 por cento dos créditos que os comerciantes soliciten para a renovación de mercadorías. José María Seijas lembra que o fin último das rebaixas é “dar saída aos produtos de tempada que xa non se venderán” e a seguir, para manter a actividade, cómpre facerse con produtos novos.

Asemade, o presidente dos comerciantes saúda a nova Lei do Comercio de Galicia que os empresarios acordaron coa Consellaría de Industria e que estará en marcha “a mediados de ano”. A norma substituirá á actual, do ano 1996, e que Seijas cualifica de “obsoleta” porque era preciso “adaptarse á normativa europea”. Entre outras cousas, prohibirá que se poidan facer descontos previos ás rebaixas durante o Nadal, algo que aconteceu este ano e que a Federación Galega considera pouco beneficioso.

A nova Lei do Comercio creará tamén un Consello Galego que terá voz sobre a instalación de grandes superficies comerciais para velar porque a oferta se axuste á demanda e protexer así o pequeno e mediano comercio.

Sociedade