A Fegamp denuncia irregularidades nas facturas eléctricas dos concellos

A Fegamp denuncia irregularidades nas facturas eléctricas dos concellos

05 de Febreiro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Monforte

A Fegamp denunciou hoxe a existencia de irregularidades xeneralizadas na facturación eléctrica dos concellos de Galicia, despois de expor unha consulta aos 315 municipios da comunidade. Segundo explicou en rolda de prensa o vicepresidente executivo e alcalde de Cervo, Alfonso Villares, “trátase dun problema xeneralizado e no que hai situacións comúns relacionadas cunha facturación moi deficiente”. A Fegamp remitiu a finais de 2012 unha carta a todos

Para solucionalo, a Federación iniciou un proceso de mediación coas principais compañías subministradoras para alcanzar un acordo “a través do diálogo”, aínda que “non descartamos recorrer a ningunha vía, incluída a xudicial, en defensa dos intereses dos concellos”.
Segundo explicou, “a denuncia máis xeneralizada é a desproporción das facturas estimadas en relación ao consumo habitual, así como a acumulación de varios meses nunha única factura”, o que xera “problemas de tesouraría porque descuadra as previsións de pagos dos concellos”. Mesmo, estes atrasos “leva aos concellos a incumprir a Lei de Morosidade, pero por causas exclusivamente atribuíbles ás compañías eléctricas”. Ademais, os concellos tamén reciben “facturas fóra de prazo, que a miúdo se corresponden con algunhas que xa están pagas e ven obrigados a abrir un proceso de reclamación, semente baixo a coacción do corte de luz”.

Segundo Villares, o informe reflicte que “tampouco se cumpren as tarifas contratadas, aplícanse mal os descontos, hai contadores que non realizan correctamente a función de discriminación horaria ou recibos estimados simplemente esaxerados”. Prodúcense situacións “de claro abuso”, como o caso de zonas do rural galego “onde non hai contadores e factúrase por cálculo estimado que non hai forma de comprobar”.
O vicepresidente executivo e rexedor de Cervo dixo entender a situación de desamparo do resto de consumidores “ao ser incapaz de comprender a factura eléctrica, porque tamén lle ocorre aos técnicos municipais”. “Non se detallan os contadores e instalacións de forma individualizada”, engadiu, “polo que é imposible levar un control por edificios ou unidades municipais”.

Liquidacións a cegas
Outro problema manifestado polos concellos é o relativo á liquidación da taxa do 1,5% polo uso privativo do chan, subsolo e voo municipal. Recollido pola Lei de Facendas Locais, este gravame habilita aos municipios percibir das eléctricas o 1,5% da súa facturación bruta en cada localidade. “Pero a realidade é que, como as eléctricas non facilitan eses datos, esa taxa cóbrase a cegas, fiándose do cálculo que expoñen as compañías”, explica, “e que os alcaldes saben de xeito oficioso que non sempre é real”.
“Por iso demandamos transparencia”, subliñou Villares, “para que se poida exercer un control real sobre os consumos das instalacións municipais, para a liquidación do 1,5% sobre unha facturación verídica, e para que os concellos teñan unha canle de interlocución directa coas compañías”. Para emendar esta falta de comunicación coas eléctricas e atender ás necesidades dos concellos, Villares puxo en valor a formación específica que está a recibir o persoal da Fegamp. “Queremos converternos nos asesores dos concellos, para resolverlles as súas principais incidencias e dirixirlles para orientar legalmente as reclamacións que queiran expor”, apuntou.
Ao mesmo tempo, a Fegamp iniciou un proceso de mediación coas diferentes compañías eléctricas que operan en Galicia, co fin de facerlles chegar as queixas dos concellos. Até o momento mantívose un encontro con Eon Enerxía, e estase á espera de resposta por parte de Gas Natural Fenosa, Iberdrola e Endesa.

Sociedade