Feijóo cualifica ás críticas ao decreto do plurilingüismo de “prematuras e radicais”

Feijóo cualifica ás críticas ao decreto do plurilingüismo de “prematuras e radicais”

14 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

Amolado pola resposta crítica ao borrador do decreto do plurlingüismo, o presidente da Xunta respondeu á defensiva ás cuestións que tralo Consello da Xunta se lle formularon verbo da reacción social e política contraria ao proxecto. Alberto Núñez Feijóo quixo, en primeiro lugar, resituar o marco do debate: “Non estamos a falar do idioma galego en senso estrito, senón do galego para os nenos de entre 6 e 16 anos”, precisou

Tras despachar á oposición política, desbotou manifestarse verbo da Real Academia Galega, que prepara unha resposta negativa ao borrador das linguas no ensino non universitario. “Teño á Academia na máis alta consideración”, limitouse a dicir. Seguidamente, defendeu a necesidade de aprender inglés para que “os nenos galegos sexan europeos do século XXI” e cando se lle preguntou se el predicaba co exemplo, recoñeceu que non fala o idioma anglosaxón. Núñez Feijóo laiouse de non ter de pequeno ese privilexio que el quere ofrecer gratuitamente a todas as familias, e non só ás que teñen cartos, entre as que volveu a citar, como a pasada semana “aos nacionalistas”, dos que dixo que mandaban aos seus fillos a estudar ao estranxeiro. Asemade, foi o seu dominio do inglés, revelou, un dos requisitos que lle fixeron escoller como conselleiro de Economía a Javier Guerra.

Institucional