Feiraco presenta 1,3 millóns de beneficio e cancelará en xullo o aval do IGAPE

Feiraco presenta 1,3 millóns de beneficio e cancelará en xullo o aval do IGAPE

08 de Xuño, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

A cooperativa láctea galega Feiraco facturou 100,7 millóns de euros en 2011, cun crecemento do 6,8% sobre o ano anterior e un incremento do beneficio antes de xuros e impostos do 12%, segundo veñen de comunicar fontes da sociedade. Este crecemento, que se estende a todas as actividades de negocio da cooperativa, obtívose nunha contorna de mercado que presentou unha tendencia á alza dos prezos internacionais das materias primas destinadas á alimentación do gan

No primeiro cuadrimestre de 2012 acentuouse a tendencia de crecemento dos ingresos nun 8%, mantendo as marxes e a rendibilidade. O director xeral da cooperativa, José Luís Antuña, considera que estes resultados son consecuencia "do gran esforzo que realizou a cooperativa: marcar un obxectivo e abordar un proceso de mellora produtiva e competitiva para alcanzar niveis de eficiencia en toda a cadea de valor" e engade que "o sector primario está a sufrir unha caída de rendas, mentres a industria agroalimentaria resiste ben a crise, continúa o seu crecemento, aumenta as súas exportacións, segue xerando emprego neto, innova e incrementa o seu valor engadido e adáptase á concentración da distribución e a unha nova xeración de consumidores".

A cooperativa diminuíu a súa débeda o pasado exercicio en 2,8 millóns de euros, 5,2 millóns menos nos últimos dous anos, cumprindo as previsións do plan de viabilidade de 2005, cuns investimentos adicionais non contempladas no plan de 6 millóns de euros. Feiraco amortizou xa o 60% da débeda contemplada no plan, feito que permitirán, asegura a sociedade, cancelar no vindeiro mes de xullo o aval de 14 millóns de euros co que o Igape garantiu o plan de viabilidade da cooperativa. O director xeral de Feiraco recalcou "o agradecemento á Xunta de Galicia polo apoio prestado á cooperativa en 2005, que lle permitiu superar unha situación financeira difícil ocasionada polo seu esforzo investidor".

Sociedade