Fene acometerá a mellora de viais

Fene acometerá a mellora de viais

11 de Xullo, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O presidente da Deputación da Coruña e o alcalde de Fene, Gumersindo Galego Feal, asinaron tres convenios de colaboración co Concello de Fene por un importe de 160.000 euros para o financiamento de varias actuacións neste municipio. O ente provincial aporta o 80% do orzamento e o ente local o 20% restante. O primeiro dos acordos recolle as obras de aglomerado do camiño de Almeiras na parroquia de Limodre, cunha achega de 69.403,66 euros.

O proxecto inclúe a reparación de fochancas, roza de cunetas e perfilado en ambas as marxes do camiño e a colocación da capa de rodaxe. Ademais, procederase á colocación de sete redutores de velocidade e distintos elementos de sinalización, así como o pintado de bordes de calzada ou a sinalización da intersección do camiño de Almeiras coa estrada AC-122 mediante a colocación de sinal Stop. Na marxe dereita da curva do pk 0,310 colocaranse tamén 30 metros de bordo ou canaleta de formigón para a canalización das augas pluviais, á vez que se adaptarán os 28 pozos de rexistro á nova rasante.

O segundo dos convenios servirá para financiar as obras de mellora no Camiño do Ladeiro, cunha achegará 58.785,95 euros.

Con este investimento realizaranse os rebacheos, a apertura de cunetas, a formación de firme, a colocación de marcas viarias, o saneamento, e a sinalización en Camiño de Ladeiro, rúa Perlío, camiño dos Condes e rúa Tafona. As obras de mellora realízanse nun total de 1.093 metros de lonxitude. Tamén se executará a canalización do saneamento cos seus correspondentes pozos en Fontenova e Botariz.

Por último están as obras de aglomerado do camiño de Campanario na parroquia de Limodre. Este últimos proxecto inclúe a colocación dunha nova capa de rodaxe, mellorarase a seguridade e a sinalización do viario coa colocación de 4 redutores de velocidade, colocarase a sinalización vertical, levarase a cabo o pintado dos bordos da calzada e sinalizarase a intersección do camiño de Campanario coa rúa Camiño Grande coa colocación dun sinal de Stop.

Sociedade