Fene aposta pola recuperación dos xogos populares

Fene aposta pola recuperación dos xogos populares

26 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Concellería de Mocidade, Ocio e Deporte de Fene organiza para esta semana unha nova edición das Xornadas de Xogos Tradicionais, dirixidas aos alumnos e alumnas de Primaria dos centros de ensino do Concello. A actividade encádrase dentro do programa de Deporte Escolar e ten como obxectivo fundamental a promoción e recuperación de xogos populares coma o brilé, o pano, o soga tira ou as carreiras de sacos.

Esta nova edición das Xornadas de Xogos tradicionais terá como escenario os arredores do pavillón a Xunqueira de San Valentín. Segundo adiantou a Radiofusión a directora técnica de Deportes de Fene, Merchi Justo, está previsto que se habiliten distintos espazos onde os rapaces e rapazas poderán ir probando cada unha das sete actividades propostas: o brilé, o pano, o soga-tira, as carreiras de sacos, os tres pés, o salto á corda e a chave.

Os encontros de xogos populares celebraranse en horario escolar (o xoves e o venres desta semana, entre as dez da mañá e a unha da tarde). O primeiro día pasarán pola Xunqueira os alumnos e alumnas dos colexios Os Casais, O Ramo e Centieiras.  Para o segundo día anúnciase a participación dos  rapaces dos colexios de San Valentín e a Jorge Juan de Perlío.

Coas Xornadas de Xogos Tradicionais, a concellería de Mocidade, Ocio e Deporte pecha o programa de actividades deste mes de abril e da paso a un intenso mes de maio. Segundo anunciou Merchi Justo, en próximas semanas celebrarase unha nova edición da Milla Escolar (23 de maio), ademais de novos bautismos de mergullo, o 22 e 23 de maio, e a clausura das escolas deportivas municipais, prevista para o día 29. 

Sociedade