Fene aproba un Plan de Emprego para frear o paro

Fene aproba un Plan de Emprego para frear o paro

11 de Marzo, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A corporación de Fene - A Coruña- celebrou dende as 8,30 desta mañá dous plenos extraordinarios. Na primeira sesión aprobóuse o Plan de emprego municipal proposto polo BNG. Outro pleno debatía despois  o proxecto de canalización de fibra óptica para a prestación de  servizos de telecomunicacións no polígono industrial Vilar do Colo. As duas iniciativas prosperaron.

O BNG defendeu a sua iniciativa de reactivación económica do concello previamente á aprobación dos Orzamentos do 2013. Manuel Polo referiuse ás 1600 persoas desempregadas en Fene e ás pequenas empresas que están a pasalo moi mal. O Plan de emprego municipal tratará de contratar ao maior número de persoas (falase de entre 35 e 50 nunha primeira aproximación) con criterios profesionais pero tamén tendo en conta criterios sociais. O Plan terá carácter puntual e non estructural (probablemete dun ano de duración). Do mesmo xeito incluirá beneficios fiscais para os autónomos, a través de exencións ou rebaixa dos impostos. 

A resposta foi unánime. O portavoz do PSOE, Antón Noceda, afirmou que se trata dun grao de area, dun punto de partida, pero que a institución local debe facer algo polos parados, por pouco que sexa. En relación coas medidas fiscais para autónomos, o voceiro socialista defendeu que hai que estudalas e chegar ata onde se poda chegar. EU apoiou o plan ao que queren dar a máxima prioridade para que non se dilate no tempo.

O edil de Facenda e Promoción económica , o popular, Juan José Franco, loubou o espíritu de consenso neste tema e apostou por ir concretando na comisión as condicións e a contía que se pode investir neste plan de emprego.

O Bloque reclamou que se conforme rapidamente a comisión especial e se dea conta a sindicatos e ao movemento asociativo desta decisión. A votación foi unánime.

O segundo pleno debatiu a construción dunha canalización para  telecomunicacións no polígono industrial Vilar do Colo. O concello recibíu unha subvención para a instalación de fibra óptica que hai que formalizar nos orzamentos de 2013, daí a urxencia do pleno. Todolos grupos consideraron que supón a modernización e o progreso para as empresas instaladas na área industrial. O BNG e EU abstivéronse mentras que o PP e PSOE votaron afirmativamente.

Sociedade