Fene lendo mulleres

Fene lendo mulleres
10 de Marzo, 2020 - 08:11 h. | Publicada por Radio Fene

O XIX Maratón de Lectura "Fene Lendo Mulleres" arrinca ás 9,15h. A Concellalía de Benestar e Igualdade, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller e Promoción da Igualdade, organiza hoxe os actos na Biblioteca Municipal Pérez Parallé no entorno da data de conmemoración do 8 de marzo, "Día Internacional da Muller".

ESCOITA O PODCAST:

O XIX Maratón de Lectura "Fene Lendo Mulleres" arrinca ás 9,15h. Durante toda a mañán o alumnado dos centros escolares de Fene participarán coas súas lecturas, cancións e traballos previamente preparados en aula co profesorado. A Concelleira de Igualdade, Mª Carmen Martínez Rodríguez, será a encargada de abrir a xornada coa lectura do Manifesto elaborado este ano pola fenesa Silvia Filgueira Prego, mestra e responsable de igualdade no CEIP Centieiras. Muller escollida polo seu labor como docente no eido da educación en igualdade e na corresponsabilidade. Ela será a encargada de clausurar o XIX Maratón de Lectura "Fene Lendo Mulleres", entorno ás 13:15 h . Instalouse na Casa da Cultura un catering do Comercio Xusto para as persoas participantes, unha alternativa socialmente responsable con produtos de agricultura ecolóxica, caracterizados por o seu alto valor social e unha gran calidade. Un par de educadoras explicaranlles o proceso de elaboración e producción del cacao.

Durante a mañán, na Casa da Cultura, o alumnado poderá tamén desfrutar da exposición “AS MULLERES ALIMENTAN O MUNDO”. Con ela preténdese incidir no eido da muller, o comercio xusto e o consumo responsable, concretamente busca atopar sinerxías entre mulleres do rural galego e as mulleres produtoras do Sur, que participan en proxectos ou iniciativas de comercio xusto. Quérese por de relevancia a importancia do papel da muller como provedora de alimentos no Sur e consumidora final no Norte, e a necesidade de abordar a desigualdade de xénero no ámbito da cooperación e o desenvolvemento. Os diferentes paneis amosan o papel das mulleres como produtoras de alimentos, como consumidoras, a súa relación co comercio xusto, e como garantes da soberanía alimentaria. Os custes derivados da realización da actividade serán financiados polos Fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática.

Na xornada de tarde, ás 19:00 h, tamén na Biblioteca Municipal, mulleres da directiva de AFFINOR Ferrol (Asociacion de Fibromialxia e Fatiga Cronica do Noroeste) impartirán unha charla aberta á participación das persoas asistentes, sobre "Fibromialxia e fátiga crónica, unha enfermidade real". Con esta charla agás de achegarnos a coñecer un pouco máis esta enfermidade e o inferno que sofren as persoas que a padecen, descubriremos, dende unha perspectiva de xénero, como é ás mulleres ao grupo que máis afecta da poboación, sendo unha enfermidade eminentemente feminina. A charla será impartida por Esther Guimaré González, responsable dos proxectos socioeducativos da entidade, Justa Nieto Aguiar-Portela e Elena María López Blanco, responsables das áreas de divulgación.

A Concellalía de Benestar Social e Igualdade este ano 2020 aposta por manter unha programación de actividades de Promoción da Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero aberta durante todo o ano e non só centradas nas datas do 8 de marzo e o 25 de novembro. Deste xeito teremos actividades nos centros escolares e coa población adulta que pouco a pouco iremos informando. Como adianto, no mes de maio contaremos con Towanda Rebels para traballar co alumnado o concepto de feminismo, co profesorado a formación en igualdade e coa poboación adulta unha conferencia sobre a 4ª Ola Feminista. No mes de xuño Virgina Imaz, artista e clown, faranos rir e reflexionar coa súa obra "SEX ou non SEX".

(Na imaxe, alumnas do Jorge Juan de Perlío, as primeiras lectoras do Maratón)

Institucional

Publica o teu comentario agora