Fene: Plan para redescubrir o Museo de Humor

Fene: Plan para redescubrir o Museo de Humor

15 de Setembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Concellería de Cultura pon en marcha un plan para que os colexios, entidades e veciños da comarca coñezan o remozado Museo do Humor de Fene.Trala súa reapertura en xuño deste ano, o Museo do Humor de Fene inicia unha nova andaina co obxectivo de converterse nun recurso ao servizo do ocio cultural e educativo. Anímase á cidadanía da comarca a redescubrir este museo único, logo do proceso de reforma das súas instalacións e da

Na actualidade o Museo do Humor de Fene amosa nas súas instalacións máis dun milleiro de orixinais de humoristas gráficos galegos e de todo o mundo. Grandes creadores como Xaquín Marín, Siro, Torres, Tomé, Chumy Chúmez, Máximo, Vázquez, René de la Nuez, Mort Walker ou Fontanarrosa teñen o seu espazo neste museo que salienta pola súa singularidade e por ser único dentro do seu xénero en España.

Unha visita ao Museo do Humor de Fene permite, en primeira instancia, achegarse á figura do seu impulsor, fundador e director ata o 2008, o debuxante Xaquín Marín. Con este punto de partida, o percorrido polas distintas dependencias do museo procura aos visitantes un contacto cos principais referentes do humor gráfico galego, nacional e internacional. Ademais, o “novo” Museo do Humor de Fene conta cun recuncho reservado ás caricaturas e con dúas salas temáticas adicadas, por un lado, ao humor negro e, por outro, á banda deseñada.

Aínda que o humor gráfico, nas súas diferentes vertentes, continúa a ser o elemento central sobre o que xira a exposición do Museo fenés, nas dependencias da Casa da Cultura de Fene amósanse tamén na actualidade distintas publicacións, obxectos e figuras relevantes na historia deste singular proxecto. Neste senso, cómpre salientar a popular Curuxa (emblema dos premios impulsados durante anos dende o propio museo), a revista “Sapoconcho” ou as figuras do “Galego nas escaleiras” e a “Cabeza galega”, ademais da recente incorporación dunha escultura en homenaxe ao fundador do museo ou algúns dos “obxectos imposibles, curiosos ou graciosos” suxeridos polo propio Xaquín Marín (entre os que se atopan o “Retrato do home invisible” ou os “espellos cóncavos e convexos para alongar e acurtar o corpo”).
 
    Coa reforma realizada ao longo do ano pasado (o Goberno Municipal de Fene investiu 200.000 euros con cargo ao Plan E e a Deputación da Coruña), o Museo do Humor vai camiño de converterse nun espazo vivo e aberto á cidadanía, preparado para  dar a coñecer fóra de Galicia aos mestres galegos e en Galicia aos do resto do mundo.

O Museo do Humor de Fene ten a súa sede na Casa da Cultura de Fene (rúa Conces 20-22). O horario de visitas é, de luns a venres, de 16:00 a 20:00 horas. Para visitas concertadas ou de grupos a esta instalación municipal cómpre chamar ao teléfono do Departamento de Cultura do Concello de Fene ou enviar un correo electrónico ao enderezo do propio museo (museodohumor@gmail.com).

Sociedade