As fenestras de Narón

As fenestras de Narón
25 de Setembro, 2020 - 09:54 h. | Publicada por Radio Fene

Contan que cando Rosalía de Castro, morreu, no ano 1885, entre outras cousas, lle pediu á súa filla Alejandra: "Abre esa fenestra que quero ver o mar", e pechando os seus ollos para sempre, finou. Desde o lugar no que se encontraba non se podía ver o mar e non se sabe a ciencia certa porque Rosalía pediu iso. O presidente da Fundación Rosalía de Castro Anxo Angueira indica que desde o cuarto da casa da Matanza pódese ver o río. “Quizais na época a desembocadura do río tamén se denominaba o mar en sentido amplo. Había o mar e o mar de fora”. Eu quero pensar que coma min, para Rosalía abrir unha fenestra era poder ver todo o que ela quería; tamén a morte.

Fenestras de Narón. Esther Val

Nestas fotografías de fenestras de Narón quixen recoller moitas desas que xa morreron pero que aínda están en pé, dando fe de que antes foron ollos vivos, que deixaban pasar aires novos e permitiron, ás persoas que moraron nesas casas, mirar por elas o  inconmensurable mundo de fora. 

 

Desde algunhas desas fenestras pódese ver o mar. O de Rosalía. O mar que forma a ría de Ferrol, mesturado coas augas do río Xubia. O mar dos estaleiros de Fene e Ferrol. O mar das botaduras das grandes construcións navais civis e militares. Pódese ver tamén calquera outra fantasía que poidamos imaxinar. 

 

Fenestras cheas de cor. Ornamentadas ou discretas. Con reixas protectoras. Fenestras dun concello extenso xeográficamente pero humilde en poboación. E sempre aberto ós mundos novos que aínda nos esperan.

 

 

Texto, fotografías e composición: Esther Val

Sociedade

Publica o teu comentario agora