Fernando Blanco denuncia que PP e PSOE pasan de Navantia-Fene

Fernando Blanco denuncia que PP e PSOE pasan de Navantia-Fene

23 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O deputado do BNG Fernando Blanco esixiu hoxe que se convoque de forma urxente a ponencia para tramitar a Iniciativa Lexislativa Popular para levantar o veto a Navantia, toda vez que tanto o PP como o PSdeG están demostrando que realmente non están polo labor de dárlle saída á iniciativa e que a antiga Astano poida volver á construción naval civil.

Blanco, en rolda de prensa, lembrou que xa transcorriron catro meses dende a toma en consideración da ILP no pleno do Parlamento e, sen embargo, aínda non foi posíbel convocar a primeira xuntanza, supostamente pola imposibilidade de asistir dun dos grupos. Para o deputado nacionalista, non obstante, son responsábeis tanto PP como PSdeG pois, se ben os socialistas podían ter enviando outra persoa os populares podian ter convocado, por exemplo, para esta semana, tal e como suxeriu o BNG, e sen embargo volveron adiar até o próximo día 30.

Trátese, lembrou o parlamentar, dunha proposición de lei de tan só un folio, que se houbera boa vontade se podería resolver nunha única xuntaza, daí que estea convencido de que hai outros intereses detrás e unha intencionalidade clara no retraso deste debate, co obxecto de impedir que se lle transmita ao goberno do Estado durante a presidencia española da UE.

“Non é unha prioridade”, lamentou Blanco, malia que logo, tanto Zapatero como o propio Feijóo e os representantes dos outros grupos, “se lles encha a boca” na defensa do asteleiro pero á hora da verdade só poñen atrancos para impedir e retrasar a búsqueda de solucións. “Non vale facer declaracións que despois non teñen contido”, engadiu e asegurou que se está a menospreciar aos milleiros de persoas que asinaron a ILP e agardan unha resposta Neste sentido. Explicou que se efectivamente son críbeis as declaracións realizadas onte polo presidente logo do Consello da Xunta, emprazando de novo a Zapatero a afrontar este asunto, entón é que existe unha desconexión importante, dixo, entre o goberno e o Parlamento, pois “a culpa é de todos os que non se queren sentar, e ahí a presidencia da Cámara, adiando o debate, tamén é cómplice”, concluiu.

Sociedade