Fernando Blanco: Había baremos e transparéncia no concurso eólico

Fernando Blanco: Había baremos e transparéncia no concurso eólico

05 de Agosto, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

Os deputados do BNG Henrique Vieitez e Fernando Blanco negaron esta tarde a existencia de ilegalidade na adxudicación de muiños de vento realizada pola anterior Xunta de Galicia. A participación pública estaba lexitimada e se incluiu respetando as matizacións aportadas polo Consello Consultivo, afirmou o conselleiro de Innovación e Industria. Os nacionalistas acusaron ao PP de plegarse aos intereses das grandes empresas eléctricas.

“Fronte aos intereses das empresas galegas o PP coloca diante os intereses das empresas de fóra e das grandes corporacións”, espetou Henrique Vieitez. O deputado nacionalista cualificou esta imaxe de “verdadeiro abrazo do oso” culminado hoxe co anuncio dun novo reparto.

Cómpre lembrar que foron 29 empresas “sobre todo galegas e ligadas a sectores produtivos do país” as que apañaron megavatios co bipartito. Grandes corporacións foráneas como Iberdrola, Endesa ou Fenosa foron as máis prexudicadas, malia a súa posición de dominio até hoxe.

O reparto é inconstitucional como di a Xunta? Para Fernando Blanco, o ex-conselleiro responsábel co bipartito, este argumento é unha “cortina de fume” que agocha en realidade “unha decisión política”. Primeiro, porque é o Tribunal Constitucional o único que pode pronunciarse. Segundo, porque “a participación pública estaba perfectamente lexitimada”.

Para os nacionalistas a decisión de cambiar o reparto estaba tomada, polo que o informe da Asesoría Xurídica esgrimido hoxe pola Xunta só é unha maneira de “vestir o santo” para xustificar o seu compromiso electoral. O BNG comparou esta estratexia coa da enquisa do galego, enarborada por Feixóo parar xustificar a anulación do decreto que promociona o galego no ensino.

Conserveiras e cooperativas lácteas en perigo de fechar

Blanco alertou de que o futuro de varias empresas galegas –entre as que citou cooperativas lácteas e conserveiras en “situación crítica”– periga tras esta decisión do PP. O mandatario cifrou en 3.000 os empregos que se perderán, xa que os adxudicatarios xa non terán que lanzar os proxectos industriais asociados que comprometeran.

Ademais, o Bloque calcula en dous ou tres anos o atraso que causará a derrogación, pois considera “evidente” que os actuais beneficiados levarán o asunto ao xuíz. Polo tanto, a fronte alerta que Galiza será a última en presentar proxectos para beneficiarse das primas do Estado e corre o risco de perder as subvencións, que son as que en realidade fan rendíbeis os muíños.

O BNG tampouco apoia en principio o canon eólico prometido pola nova Xunta. “Non ten sentido primar unha enerxía por un lado e contraprimala por outro”, argumentou Blanco en relación as subvencións que dá o Estado e ao novo imposto que a Xunta quere crear en Galiza.

“Co anterior modelo os galegos non só se ían beneficiar dos muíños senón que ían participar na xestión dun sector estratéxico” dixo o ex-conselleiro nunha rolda de prensa en Santiago.

O PP usa os argumentos das grandes corporacións

Benefeciará máis o reparto do PP a grandes corporacións como Iberdrola? Blanco cre que, a día de hoxe, a derrogación prexudica todos os operadores porque crea inseguridade xurídica nas decisións do Goberno Galego. En todo caso, insistiu que os argumentos que hoxe deu a Xunta son os mesmos que utilizaron as grandes corporacións para meterlle presión a el cando era conselleiro de Industria e quería dar máis puntos aos que cedesen acción.

Sobre o reparto futuro, Blanco remitiuse ás concesións “sen baremos, con falta de transparencia e en Rede Natura" que aprobaron os gobernos de Manuel Fraga.

“O modelo que prenden aplicar non é ningunha sorpresa, é o que escoitei eu nas reunións coas grandes operadores, que estaban moi cómodas nun modelo de coto pechado no que só elas podían participar”, laiouse o político lugués.

Sociedade