Ferrol celebra os 35 anos de Constitución

Ferrol celebra os 35 anos de Constitución

26 de Novembro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas Sobreira, será o convidado polo concello de Ferrol no acto de conmemoración da Constitución que se celebrará o día 5 de decembro no Salón de plenos municipal.

O Concello de Ferrol conmemorará o  vindeiro día 5 de decembro o XXXV Aniversario da Constitución Española, cun acto institucional que se desenvolverá no Pazo Municipal a partir das 20.00 horas. Esta celebración consistirá nun relatorio que correrá a cargo de Miguel Ángel Cadenas Sobreira, presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; e que levará por título “Treinta y cinco años de Estado Constitucional de Derecho”.

Trala conferencia, que se impartirá no Salón de Plenos, servirase a tradicional copa de viño español entre as persoas asistentes ao acto. Miguel Ángel Cadenas Sobreira, natural de Ourense, ingresou na Carreira Xudicial no 1974 e é profesor asociado de Dereito Civil da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña dende 1990. Entre os cargos que desempeñou destacan: o de Maxistrado Especialista da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (1995-2009) e o de Presidente da Sección III da Audiencia Provincial da Coruña (1989-1995). Ademais, está en posesión da Cruz de Honra de San Raimundo de Peñafort.

Sociedade