Ferrol manexará 50,2 millóns de euros no 2013

Ferrol manexará 50,2 millóns de euros no 2013

11 de Xaneiro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Pleno de Ferrol aproba os Orzamentos Xerais do Concello para 2013. Inclúen o Plan de Oportunidades. O documento económico definitivo, dotado con 50,2 millóns de euros, incrementa a partida destinada a “blindar” as políticas sociais, que por primeira vez na historia de Ferrol alcanza os 6 millóns de euros. A corporación local tamén deu luz verde á modificación da Relación de Postos de Traballo, que prevé a creaci&o

O Pleno de Ferrol, reunido esta mañá en sesión de carácter extraordinario, aprobou o Presuposto Xeral do Concello para o exercicio de 2013, que inclúe o Plan de Oportunidades deseñado polo goberno que preside Jose Manuel Rey Varela; así como a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), que ten por obxecto responder ás necesidades para levar a cabo unha prestación máis efectiva e eficaz dos servizos públicos. Estes foron os únicos asuntos incluídos na orde do día do pleno e saíron adiante co apoio maioritario do grupo municipal do Partido Popular (PP) e de Independentes por Ferrol (IF), mentres que a oposición votou en contra das dúas propostas.

No que atinxe a aprobación definitiva do orzamento municipal para a presente anualidade, lembrar que este ascende a 50,2 millóns de euros e que a pesar de que o complicado escenario económico motiva que se trate dun montante lixeiramente inferior –baixa un 3,6% con respecto ao presuposto inicial de 2012, que foi de 52,1 millóns de euros-, o documento económico reforza  a súa compoñente social volvendo a incrementar, por segundo ano consecutivo, a partida económica asignada a “blindar” as políticas sociais que por primeira vez na historia de Ferrol alcanza os 6 millóns de euros, incluíndo nesta cantidade os 500.000 euros que o executivo de Jose Manuel Rey Varela investirá ao longo do exercicio actual no Plan de Oportunidades, un compromiso que ten por obxectivo atender as crecentes demandas sociais consecuencia da crise económica, así como poñer en marcha medidas de apoio demográfico para frear a perda de poboación constante que sufre o municipio ferrolán nos últimos anos. Así as cousas, lembrar que este Plan de Oportunidades, que terá continuidade en anos sucesivos, permitirá a creación dunha bolsa de vivenda social para atender os casos de desfiuzamento; poñer en servizo dous novos Comedores Sénior en Esteiro e San Pablo; e a concesión de becas para o financiamento de prazas de escolas infantís coa finalidade de incentivar nacementos.

Ademais do carácter social do Presuposto Xeral do Concello de Ferrol para 2013, o goberno municipal mantén no mesmo o  compromiso de non subir a presión fiscal sobre a cidadanía, e non se aumentan os impostos; afondando no principio de optimización dos recursos e fondos públicos. De feito, no novo presuposto o executivo local continua reducindo o gasto superfluo como as partidas de atención protocolaria e publicidade; ao tempo que se contempla a simplificación administrativa coa supresión dos Padroados Municipais e do Instituto Municipal de Facenda (Imfacofe).

Investimentos e achegas

No apartado de investimentos, teñen cabida os grandes proxectos transformadores da cidade, como son entre outros: Centro Cívico de Canido (1.053.000 euros); parque municipal Raíña Sofía (271.221 euros); proxecto e estudo de viabilidade da praza de Armas (100.000 euros); construción de beirrarúas na avenida 19 de febreiro de Serantes e o pago doutras expropiacións (200.000 euros); Cantón de Molíns e outras intervencións en barrios (375.000 euros); saneamento da zona rural (300.000 euros) ou “Abrir Ferrol ao Mar” (500.000 euros). Ademais, o presuposto incorporou achegas que melloran a proposta inicial do goberno municipal por valor de 1,4 millóns de euros, entre estas se contan varias do PSOE e o Plan de Oportunidades.

Coa aprobación definitiva hoxe por parte do Pleno de Ferrol das contas de 2013, o goberno municipal cumpre, ao igual que fixera coas contas de 2012, co compromiso de que o documento económico estea en vigor coincidindo co inicio do ano. Este feito é para o goberno de Rey Varela " unha mostra de rigor económico e de estabilidade política”.

Creación de emprego

Por outra banda, o Pleno do Concello de Ferrol deu luz verde á nova Relación de Postos de Traballo (RPT), que prevé a creación de novas prazas buscando unha prestación efectiva e eficiente dos servizos públicos, así como a satisfacción das novas demandas que poidan ir xurdindo. Así, a RPT prevé a creación de oito novas prazas, cinco delas para  reforzar a inspección tributaria e a recadación; tamén se creará unha oficina técnica de Servizos na Área de Medio Ambiente e Urbanismo; e o postos de técnico e de coordinador de Corpos de Seguridade (Bombeiros e Policía Local).

Sociedade